Abraham Cupeiro, o coñecido compositor e multiinstrumentista galego, presenta o seu novo traballo discográfico acompañado da Orquestra Gaos en catro recitais. A xira, que comezou en Ferrol visitará proximamente Ourense (1 de marzo), Santiago de Compostela (2 de marzo) e Lugo (22 de marzo). As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
Esta xira, promovida pola produtora Thinking Up Events, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.
Con máis de 50 persoas sobre o escenario, esta gran producción musical promete facer as delicias de todas aquelas persoas que asistan aos concertos.
Abraham Cupeiro
Abraham Cupeiro é un destacado compositor, construtor de instrumentos e multiinstrumentista apaixoado pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo.
Estudou trompeta no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e completou un máster en Interpretación da Música Antiga na Universidade Autónoma de Barcelona. É recoñecido por ser un dos poucos intérpretes do karnyx, unha trompeta celta da Idade de Ferro. O seu interese pola organoloxía levouno a coleccionar máis de 200 instrumentos de diferentes épocas e lugares.
Cunha destacada traxectoria, realizou numerosos proxectos e colaboracións con orquestras de prestixio internacional e gravou varios álbumes baixo o selo Warner Classics. Ten colaborado con artistas como Hans Zimmer ou Harry Gregson-Williams. Recentemente, Abraham colaborou na banda sonora de “Life in Our Planet”, a nova serie documental de Netflix producida por Steven Spielberg.
Abraham Cupeiro toca ao redor de 100 instrumentos e conserva máis de 200 na súa colección.
Mythos
Abraham Cupeiro transpórtanos a través das mitoloxías árabes, célticas, romanas e gregas no seu innovador proxecto, Mythos. Este espectáculo mergulla aos espectadores en mundos e cidades perdidas no tempo, desenterrando os misterios de enclaves ancestrais como a enigmática Atlantis. Recuperando instrumentos que ecoaron nos teatros gregos, circos romanos e covas esquecidas nos confíns do mundo, Cupeiro ofrece unha viaxe musical única a través de historias creadas desde tempos inmemoriais, buscando atopar unha lóxica á orixe do universo. No corazón de Mythos descubrimos as marabillas sonoras do Aulós, un instrumento fundamental na antigüidade grega, cuxa invención se atribúe á Deusa Atenea.
Tamén se revelan os resonantes tons do Cornu, rescatado das cinzas de Pompeia, unha impoñente trompa que os romanos utilizaban nas súas campañas bélicas. Este proxecto, con música orixinal composta por Abraham Cupeiro, foi recentemente gravado no icónico Abbey Road, xunto á prestixiosa Royal Philharmonic de Londres. Abraham Cupeiro fusiona a maxia da música coa riqueza das mitoloxías antigas para ofrecer aos asistentes unha experiencia única que esperta a imaxinación e convida a mergullarse na riqueza cultural de tempos remotos.
Orquestra Gaos
A Orquestra Gaos nace en abril de 2009 e está formada por 80 músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos conservatorios galegos, cos que desenvolve unha importante actividade concertística.
Desde a súa creación ofrece máis dun centenar de concertos e participan como solistas máis dunha cincuentena de músicos galegos cunha importante traxectoria artística, algúns dos cales xa posúen unha dilatada carreira.
Nestes anos, ademais da súa propia tempada de concertos, tanto na Coruña como no resto da comunidade galega, convida os importantes músicos para coidar a formación e perfeccionamento dos seus membros, como David Grimal, violinista e director de Lles Dissonances ou David Ethéve, violoncelo principal da OSG. Ademais, realiza concertos de música contemporánea, estreando obras de novos compositores en colaboración coa asociación galega de compositores, realiza encargos a compositores galegos, promove a formación de diferentes agrupacións e ensembles non convencionais no seo da propia orquestra, ademais de ofrecer concertos sinfónicos con artistas doutros xéneros como Los Secretos ou Raphael. Fernando Briones é o director artístico e musical dos Coros e Orquestra Gaos, que conta como socio de honra ao Mestre Cristóbal Halffter.
Xira Mythos
⦁ Venres, 1 de marzo 2024, OURENSE, Auditorio Municipal, 20.30h
⦁ Sábado, 2 de marzo 2024, SANTIAGO DE COMPOSTELA, Auditorio de Galicia, 20.30h
⦁ Venres, 22 de marzo 2024, LUGO, Auditorio Gustavo Freire, 20.30h