A Deputación de Ourense, baixo o liderado do Inorde, organiza os días 4 e 5 de outubro a terceira edición do Foro da Castaña que se centrará na evolución do sector a nivel internacional, nas demandas dos operadores comerciais respecto ás variedades e calidades do produto, así como na prestación de formación práctica en temas como a poda ou os enxertos para unha adecuada xestión dos soutos por parte dos produtores.
O simposio, que se celebrará no mulitusos do Concello de Riós, reunirá a produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia, así como a representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector.
Os interesados en asistir deben anotarse no Centro Agroforestal do Inorde, chamando aos seguintes números de teléfono 988 423007 – 988 317765, ou a través do correo electrónico centroagroforestal@inorde.com, antes do 30 de setembro.
Relatorios, demostracións prácticas e visitas técnicas
Os temas que ocupan a terceira edición do Foro da Castaña foron propostos polas distintas entidades que forman parte da comisión de seguimento do convenio asinado entre a Deputación de Ourense, a través do Inorde, e a Consellería de Medio Rural da Xunta.
Na xornada do 4 de outubro presentarase a IXP Castaña de Galicia e as novas medidas a implementar da man do secretario da IXP, Manuel López. O xerente de Viveiros Refoxos, Manuel Míguez falará do castiñeiro híbrido e enxertado e dos factores que determinan unha planta de calidade, mentres que o xerente de Leiras de Progo, Xosé Dositeo Veiga centrarase no futuro no rural e no proxecto de recuperación de leiras abandonadas.
Tamén se presentará o proxecto AcelerOU da Deputación de Ourense para impulsar a transformación dixital das pequenas empresas, autónomos e emprendedores ourensáns. Posteriormente, continuarán os relatorios con «Prodemia da castaña provocada por Gnomoniopsis smithogilvyi» e o «Estado do castiñeiro no mundo: unha perspectiva global», ambos a cargo de José Gómez Laranjo da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), e «A castaña e a súa comercialización: variedades e calidades» da man da xerente de Cuevas y Cía, Rocío Cid.
Ademais dunha degustación de produtos elaborados con castaña, a programación incluirá tamén unha demostración práctica de enxertado e poda de formación a cargo do responsable de Viveros Castanea Sativa, Miguel Ángel Vázquez de la Mata; e de Ricardo Prieto Domínguez e José Manuel Guerra Nieves de Soutogal.
Ao día seguinte, o sábado, 5 de outubro, realizarase unha visita técnica á Asociación de Propietarios de Soutos de Parada de Sil Canón do Sil, unha agrupación forestal de xestión conxunta. Pola mañá os asistentes desprazaranse á nave de clasificación, o sequeiro de castaña, plantación nova de castiñeiros, soutos tradicionais e o Castiñeiro Milenario de Entrambosríos. Logo coñecerán a Sociedade Cooperativa Galega (SOFRAGAL) en Nogueira de Ramuín, que está dedicada á comercialización e transformación da castaña.