A Banda da Loba presenta ‘Lovismo’ este sábado no Auditorio Municipal de O Carballiño

Xa está todo listo para que A banda da Loba (ABDL) presente o seu último disco, Lovismo, nun concerto no Auditorio Municipal de O Carballiño este sábado, 22 de febreiro. As entradas aínda están á venda na web de vivetix.com e tamén será posible adquirilas unha hora antes do evento na propia billeteira do Auditorio. O concerto, que conta coa colaboración do Concello do Carballiño, comezará ás 20.00 horas e a apertura de portas está prevista para ás 19.30 horas.

ABDL recalan en Ourense logo de amosar o seu vibrante directo en Santiago de Compostela A Coruña e Lugo e chegan ilusionadas por actuar nunha das terras na que se sabe que estivo Pepa a Loba. Prometen, ademais, un concerto cheo de sorpresas no que actuará, entre outras, a cantante carballiñesa Noemí Duro, coñecida polo seu paso polos concursos ‘Pequenos fenómenos’ e ‘Idol Kids’, e a bailarina Fabiana Taboada do videoclip Lova.  

O amor como leitmotiv

Lovismo supón o regreso de ABDL aos escenarios logo dun ano lonxe deles para materializar este traballo, o quinto do grupo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. Nel conflúen diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindícase a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes do grupo. Conta, ademais, con colaboracións doutros artistas: De Vacas, Terrae, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Lara Porto, Cristóbal Fernández e Diego Suárez, responsables dos instrumentos de vento do disco.

ABDL

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 están a desenvolver unha intensa xira de presentación de Lovismo.

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.

Cartel ABDL O Carballiño
Cartel ABDL O Carballiño

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad