As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente confirman un ano máis a súa visita a Ramirás convidados pola Asociación Cultural Rebulir e contando co apoio do Concello de Ramirás. Será o vindeiro día 5 de Xaneiro, e farán un percorrido por diferentes lugares destas terras do Val do Tuño. Neste 2025, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán diferentes núcleos saudando a veciñanza desde os seus vehículos oficiais. Asemade, os reis e a súa comitiva farán a tradicional visita a Residencia de Maiores de O Mosteiro e a recepción de cativos e cativas no Centro Cultural de O Picouto.
A comitiva estará formada por diferentes vehículos antigos destinados a uso persoal de cada un dos reis e da súa corte; escoltará a garda real que velará en todo momento pola seguridade das SS.MM. , e a durante todo o percorrido tamén estarán acompañados polo servizo de Protección Civil que velará pola seguridade dos/as cortesanos/as.
Tamén se contará coa inestimable visita do carteiro real, que nestes días previos a visita das SS.MM. ten establecida unha oficina provisional no Centro Cultural de San Andrés (Vilavidal). A oficina postal tamén se renovou e neste ano estableceu un enderezo electrónico co cal comunicar coas SS.MM., quen tentarán responder persoalmente a cada email recibido. A propia carteira real tamén colaborará o día 5 pola tarde para que ningún neno ou nena deixe sen enviar a súa correspondencia.
Tamén se retomarán os tradicionais cantos de reis. Deste xeito, unha comitiva de membros da asociación Rebulir percorrerá diferentes establecementos da contorna, camiños e corredoiras pedindo o aguinaldo e solicitando a veciñanza a súa atención.