Este domingo, 26 de xaneiro, plataformas e colectivos ecoloxistas da provincia de Ourense, no marco das mobilizacións da Coordinadora Eólica Así Non, chaman á resistencia contra a invasión eólica dos nosos montes cunha concentración ás 12,30 horas na feira (alameda) de Cartelle.
Durante a concentración denunciaranse a ameaza que pende sobre os concellos de Cartelle (comarca da Terra de Celanova) e Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro) co proxecto en tramitación dun macropolígono híbrido -eólica máis fotovoltaica- que supera os 50 Mw de potencia a instalar e se presenta ao procedemento fragmentado de maneira fraudulenta para evitar a avaliación por parte do ministerio.
Ademais, porase en valor as loitas fronte outras ameazas eólicas que axudaron a parar o ano pasado varios macropolígonos eólicos no Macizo e infraestruturas de alta tensión con graves impactos para as veciñas na Serra da Martiñá, e insistirase na denuncia doutro macropoxecto en trámite como o denominado Clúster da Limia, que proxecta megaeólicos nas montañas entre Castrelo do Val e Xinzo de Limia e unha LAT que transcorrería por 18 concellos cruzando de este a oeste (de Castrelo do Val a Castrelo do Miño) o sur da provincia.
A concentración en Cartelle está apoiada e colaboran na organización as seguintes organizacións e entidades: Aira das Bestas, Afiando o vento, Amigas das Árbores de Ourense, Amigas das Cegoñas, Amigas da Terra, Asociación cultural e medioambiental Tarabelada, Asociación Cultural Follas Vivas Lois Antón de Ramirás, C.S. A Alvariça de Allariz, Ecologistas em ação Galego-Trasmontano, Movemento Ecoloxista da Limia, Plataforma comarcas Limia – Verín Non ás Minas, Salvemos A Serra Martiñá, Salvemos o Támega ADEGA Monterrei e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova.
ANDAINA PREVIA. O mesmo domingo celebrarase tamén unha andaina previa á concentración na que se subirá desde o núcleo de Calvelos (Cartelle) até a antena de medición instalada pola promotora do megapolígono (7 eólicos de 220 metros de altura) no monte veciño. O punto de encontro será a aldea de Calvelos, ás 9:45 horas, para saír ás 10 en punto. O percorrido ten unha distancia aproximada de 4 quilómetros e dúas horas de duración.
Despois, os participantes disporán de tempo suficiente para incorporarse á concentración, que comeza ás 12:30 na localidade de Cartelle, a menos de 10 minutos en coche de Calvelos.