O PSdeG-PSOE denuncia que l ciudade de Ourense é a única urbe de Galicia que carece dun plan de ocio estable para o verán e responsabilizan ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, da «gran seca cultural» que padece a cidade dende hai máis de tres anos. Así as cousas, dende o grupo municipal socialista reivindican novamente a necesidade de pór en marcha unha programación «á altura da terceira cidade de Galicia», co fin de «evitar que Ourense continúe a ser un deserto cultural o que resta de mandato».
«O panorama é desolador para os ourensáns e as ourensás, así como para todas aquelas persoas que nos visitan nestas datas, e que atopan unha cidade empobrecida a nivel cultural e termal», lamentou o edil Xosé Rúas, quen destacou a necesidade de «habilitar axiña os recursos necesarios para pór en marcha a programación cultural de calidade que merece a cidade, co obxectivo de que nenos e maiores non teñan que fuxir de Ourense para encher os seus ocos de ocio e lecer».
Neste sentido, os e as socialistas reclaman un plan de rescate cultural que comprenda unha programación ampla e diversa para todas as idades, coma a que xa existe na meirande parte dos concellos da contorna ourensá e no resto de Galicia. Salientan que a nivel galego están programados máis de 1300 eventos para o que queda de verán, dos cales só 30 van ter lugar na capital ourensá, unha cifra moi por debaixo da de cidades coma A Coruña, Santiago ou Vigo, que chegan a cuadriplicar os datos de Ourense con 135, 132 e 110 eventos respectivamente só nas capitais, segundo os datos da axenda cultural da Xunta de Galicia.
«É vergoñento comprobar que non estamos á altura das grandes cidades nin tampouco de concellos moito máis pequenos que contan con programas realmente ambiciosos, impulsados por gobernos locais que dan proba do seu compromiso co ocio e o lecer da cidadanía» sinalou Rúas. «Mentres, en Ourense temos un minigoberno que abocou a cidade á desertización cultural, con tan só 30 eventos á vista, dos cales a maioría pertencen á actividade da Biblioteca Nós», censurou o edil.
O novo organigrama municipal
Dende o grupo socialista destacan que o novo reparto de áreas do Concello deixa en evidencia o claro desinterese de Jácome pola cultura, que queda diluída no novo organigrama e recae plenamente no alcalde baixo a denominación de ‘artes e festexos’.
«A día de hoxe, o único espectáculo é a dramática morte e agonía cultural de Ourense grazas ao alcalde Jácome, que ademais neste caso non pode botarlle as culpas a ninguén da falta de xestión porque esta área sempre estivo baixo a súa responsabilidade», aclaran. «Malia a clara desafección do alcalde, nós continuamos a avogar por que a cultura adquira unha posición de máxima relevancia dentro das políticas locais, para que Ourense recupere o esplendor da Atenas galega», sinalan.
Por último, censuran a «política escurantista» de Jácome en relación aos contratos de espectáculos, que dende o grupo solicitaron en numerosas ocasións sen obter resposta. Os e as socialistas entenden o silencio do alcalde a este respecto como un dos seus habituais intentos de obstaculizar do labor fiscalizador da oposición e ocultar intereses persoais e espurios.
«Preguntámonos se o alcalde-empresario Jácome non estará actuando como axente e manager de si mesmo, polo que seguiremos insistindo para obter todos os contratos que xa reclamamos e que aínda non nos foron facilitados».