![Parking de la estación de tren de Ourense](https://i0.wp.com/www.ourense.com/wp-content/uploads/2025/02/Parking-de-la-estacion-de-tren-de-Ourense.jpg?resize=1100%2C715&ssl=1)
Os deputados do PP de Ourense no Congreso, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, rexistraron varias preguntas dirixidas ao Goberno, reiterando as xa formuladas o 5 de xuño de 2024 e nas que evidenciaban a saturación do aparcadoiro da estación intermodal de alta velocidade de Ourense, que impide que os usuarios particulares estacionen mentres hai un elevado número de prazas reservadas para as empresas de alugueiro de vehículos sen condutor.
Lembran os deputados que o 9 de setembro de 2024 a resposta gobernamental recoñecía literalmente a existencia de «índices de ocupación elevados en determinados tramos«, aínda que dicía «non poñen de manifesto unha saturación continuada do aparcadoiro«. Ademais concluían dicindo que, «Adif-Alta Velocidade está a monitorizar, a través do explotador do aparcadoiro, a evolución do grao de ocupación do coa finalidade de solicitar a este que desenvolva as medidas de xestión oportunas para optimizar o uso da instalación«.
Afirman os deputados que desde aquela resposta do Goberno pasaron cinco meses e a situación de saturación mantense en especial en determinadas franxas horarias. Mesmo no ano 2024 pechouse cun crecemento enorme dos viaxeiros usuarios da estación intermodal de alta velocidade de Ourense, factor que tivo repercusión no notable incremento da ocupación do aparcamento soterrado que con diñeiro público construíuse xustamente baixo a praza de acceso á estación.
Tal e como o PP reflectiu en xuño de 2024, debe haber un espazo razoable dentro do aparcamento público da estación intermodal destinado aos vehículos de alugueiro sen condutor, «pero o certo é que estas empresas están a copar hoxe na primeira planta e no lugar máis accesible nada menos que 36 prazas que é un número moi elevado de estacionamentos», sinala o deputado Celso Delgado.
Se o aparcadoiro tivese 400 prazas, «quizais 36 para vehículos de alugueiro non sería un número tan significativo, pero no conxunto das 273 prazas dispoñibles, representan unha porcentaxe importante, limitando as posibilidades de estacionamento dos particulares».
UNHA INSTALACIÓN DE SERVIZO PÚBLICO PARA A CIDADANÍA
Destacan os deputados que moitos veciños da cidade e en especial os dos barrios da Ponte, O Vinteún e O Pino necesitan utilizar este aparcamento da estación, para acudir ao contiguo centro de saúde, e para realizar múltiples xestións ou compras nunha zona con poucas posibilidades de estacionamento en superficie.
Entendemos que ADIF ten que tomar xa as medidas de xestión das que falaba en setembro de 2024, «para que unha instalación que naceu cunha finalidade de servizo público preste realmente este servizo aos usuarios da estación e aos do barrio», sinala Delgado.
Os deputados do PP xa propuxeron na anterior pregunta unha serie de alternativas para que estes vehículos propiedade de empresas de alugueiro sen condutor tivesen a maioría das súas frotas de coches noutras localizacións externas á estación, ou que ADIF lles arrendase outros espazos infrautilizados na propia terminal.