En relación coa sentenza xudicial que anula a licenza, outorgada polo executivo de Jácome en Xunta de Goberno Local en setembro de 2022, para construir un tanatorio na contorna das termas da Chavasqueira, dende o grupo municipal socialista sinalan que xa antes (no mes de marzo) de que se concedera dito permiso pediron ao executivo de PP e DO que informase a oposición e veciñanza da zona sobre as obras que se pretendían levar a cabo. E lembran que, ante as protestas e o descontento dos e das ourensás, o alcalde chegou a comprometerse con trasladar o proxecto a outro espazo da cidade.
Critican as e os socialistas a opacidade ante a escasa información aportada e que o Concello de Ourense continúe sumando dictámenes xudiciais que danan a súa imaxe institucional, máis aló dos gastos económicos. Todo elo, ademais, tendo en conta que, no ano 2010, se paralizou a construción do tanatorio mentres gobernaba o PSdeG porque consideraban que esta proposta tiña varios inconvintes entre os que se atopaban o tráfico que se xeraría na súa contorna, a difícil accesibilidade, así como a non adecuación para o futuro desenvolvemento urbano e termal da área da Chavasqueira.
«Daquelas, o propio Partido Popular manifestaba tamén que o máis axeitado era ubicar un equipamento de sanatorio-crematorio nas inmediacións do cemiterio de Santa Mariña do Monte», lembran dende o grupo municipal. Entenden, nesta liña, que a sentenza, na que se recolle que a parcela só se podería destinar a velatorio e non a tanatorio da a razón ás e aos socialistas cando propuxeron trasladar o proxecto a outros posibles puntos da cidade.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista instan, de novo, ao executivo de Democracia Orensana a poñerse a traballar para que tanto a veciñanza como o turismo poida desfrutar dos recursos termais da cidade e para sacar adiante un PXOM –paralizado hai anos– legal, sostible e de futuro e que a cidade non continúe máis tempo sumida na parálise e no caos administrativo herdada xa da época na que Manuel Cabezas era alcalde e que continúa vixente na actualidade.