
A pintora, escultora, galerista e crítica Tareixa Taboada trae ao Centro Cultural Marcos Valcárcel unha escolma dos seus últimos traballos artellados baixo o título xenérico de Zeit (tempo, en alemán), onde combina pintura con escultura, instalacións e incluso un traballo audiovisual.
Para o escritor Fran Zabaleta, «Zeit non é solo unha exposición: é unha declaración de principios. É un desafío á pasividade, unha invitación a mirar a arte e a vida con ollos críticos, a cuestionar as narrativas impostas e a celebrar a autenticidade da nosa humanidade imperfecta. Nun mundo que constantemente busca que nos conformemos, Tareixa Taboada lémbranos que é na diferencia, na imperfección e na valentía de aceptarse a un mesmo onde reside a esencia do ser humano».
O tamén pintor Manolo Figueiras considera que «a arte de Tareixa Taboada é voluntariamente simbólica, impactante e libre», unha obra que non está pensada para compracer senón para reflexionar, para cuestionar e para exercer como elemento liberador.
Unha das principais novidades desta exposición é a presenza dunha serie de pequenas esculturas realizadas en bronce con certo aire primitivista que se completan con títulos marcadamente irónicos.
O director do centro cultural, Francisco González, cualificou a Tareixa Taboada como unha persoa «esencial e imprescindible para entender a plástica contemporánea en Ourense, cun papel aglutinador entre os nosos creadores».