Sabela Mendoza, nova directora artística da MIT de Ribadavia

Sabela Mendoza
Sabela Mendoza

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) abre unha nova etapa co nomeamento de Sabela Mendoza Fernández como directora artística, tras obter a maior puntuación no proceso de licitación convocado polo Concello de Ribadavia. Mendoza, cunha ampla traxectoria na xestión cultural e nas artes escénicas contemporáneas, será a encargada de definir a liña artística do festival, consolidando o seu prestixio a nivel galego, estatal e internacional.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a importancia deste nomeamento: “Hoxe iniciamos unha nova etapa para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia cunha profesional de gran prestixio e ampla experiencia como Sabela Mendoza. O seu nomeamento como directora artística garante a continuidade da excelencia e a innovación que caracterizan este festival, ao tempo que reforza a súa proxección no panorama teatral galego, estatal e internacional.”

A chegada de Mendoza prodúcese despois de que o cargo quedase vacante tras a saída de Roberto Pascual ao rematar a pasada edición. Pascual liderou a MIT durante quince anos, conseguindo importantes avances tanto en asistencia de público como na calidade das propostas artísticas. Antes del, a dirección do festival estivera en mans de Rubén García, un dos grandes impulsores da Mostra e responsable de consolidar o seu carácter de referencia dentro e fóra de Galicia. “Súmome á dirección artística da MIT de Ribadavia con moita ilusión e tamén con moito respecto polo traballo feito, dende a humildade e o compromiso. Esta será unha edición de transición para min e para o equipo da MIT, ao que se incorpora xunto comigo Gena Baamonde, dramaturga e directora de escena con décadas de experiencia, como directora adxunta. 40 anos de andaina son todo un éxito colectivo para un festival que é de todas e todos, e por iso non podemos facer outra cousa que partir dese legado para seguir construíndo”, afirmou Mendoza.

Unha directora con ampla experiencia nas artes escénicas

Sabela Mendoza Fernández, nada en Santiago de Compostela en 1984, é unha recoñecida investigadora, creadora e xestora cultural especializada en artes escénicas e performativas. Cunha formación multidisciplinar que inclúe a Licenciatura en Dereito, un Máster en Xestión Cultural e outro en Práctica Escénica e Cultura Visual, Mendoza desenvolveu a súa carreira en diferentes proxectos de referencia a nivel nacional e internacional.

Ao longo da súa traxectoria profesional, traballou na coordinación de proxectos na Fundación Residencia de Estudiantes entre 2008 e 2010, na xestión de proxectos culturais no Matadero Madrid dende onde dirixiu artísticamente o Festival Internacional Ilustratour entre 2013 e 2015. Ademais, é fundadora da plataforma galega para as artes performativas contemporáneas ‘De corpos presentes’, co-responsable do proxecto de mediación ‘Cara a unha escena plural’ , produtora da cía Javier Martín e asesora para A Casa Vella centro de creación. A súa experiencia abrangue labores de comisariado, asesoramento e produción para diversas entidades, artistas, compañías e proxectos culturais, o que lle outorga unha visión global e innovadora do sector.

Un plan de dirección artística baseado na continuidade e na innovación

O proxecto presentado por Mendoza para a dirección artística da MIT estrutúrase en varias liñas estratéxicas que buscan manter a identidade do festival ao tempo que se aposta pola innovación e a proxección internacional. A MIT debe seguir sendo un espazo de encontro e intercambio para as artes escénicas contemporáneas, fomentando a diversidade e a pluralidade. A programación manterá un alto nivel de excelencia, apostando por espectáculos que transcendan as etiquetas habituais e promovendo a hibridación de formatos, o teatro expandido e as novas dramaturxias.

Segundo a nova directora artística, “a proposta de dirección artística pretende continuar e expandir os valores e liñas de acción da MIT —a conxunción de experiencia, tradición e vangarda que caracteriza ao festival— e seguir afondando nas liñas programáticas habituais, con nomes internacionais de referencia, hibridación de linguaxes, talento galego emerxente e consolidado, coproducións, residencias, os premios, actividades paralelas… Ao tempo que queremos sumar novas propostas e iniciativas, en especial no relativo ao apoio á creación galega, a facilitación de espazos de encontro e de oportunidade para o ecosistema do noso territorio, a aposta pola diversidade e pluralidade na curadoría, a construción de redes de intercambio e a expansión de actividades de mediación e de participación cidadá”.

Entre os obxectivos marcados nesta nova etapa, Mendoza destaca o concepto de Escenas en tránsito como un dos lemas do seu proxecto: “Escenas que transitan dunha linguaxe a outra, dun corpo a outro, dun territorio a outro, que se moven e fan que nos movamos, que producen desprazamentos”. Con esta idea, a MIT busca consolidar a súa posición como un espazo de referencia para a experimentación escénica, sen esquecer o compromiso coa identidade e coa comunidade.

Unha nova etapa para a MIT de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que celebrou a súa 40ª edición o pasado ano, é un dos festivais de teatro máis importantes de Galicia e España. Caracterízase pola súa aposta pola innovación e a coprodución teatral, así como polo seu compromiso coa excelencia e coa promoción das artes escénicas contemporáneas.

“Sentímonos moi aliñadas co espírito da MIT de Ribadavia, ese espírito de ágora, de praza pública —aberta, inclusiva, disruptiva, diverxente—. Cremos firmemente na potencia da arte e da cultura para sermos libres, para pensarnos como persoas e como sociedades, entender e construír o mundo que nos rodea dende o respecto, a tolerancia e os coidados. E neste sentido, cremos tamén na potencia da escena para unha vida mellor, para un mundo mellor”, sinalou Mendoza.

Desde o Concello de Ribadavia, o seu alcalde reafirma o apoio institucional ao festival e ao equipo que o fai posible: “Desde o Concello de Ribadavia, reiteramos o noso compromiso con este proxecto e co traballo de todo o equipo que fai posible a MIT. Desexámoslle moito éxito a Sabela nesta nova etapa e confiamos en que a súa visión contribuirá a fortalecer aínda máis o festival.”

Coa súa chegada á dirección artística, a MIT reforza o seu papel como espazo de referencia para a escena teatral, abríndose a novos desafíos e consolidando o seu lugar no panorama escénico internacional.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad