O Concello de Ribadavia abriu a convocatoria para a contratación da dirección artística da Mostra Internacional de Teatro (MIT), un evento cultural de referencia en Galicia. Este contrato responde á necesidade de contar cun equipo especializado tras o cesamento voluntario do anterior director artístico, Roberto Pascual.
A persoa ou entidade seleccionada será responsable do deseño e programación da MIT, asegurando a coherencia dramatúrxica e a eficiencia económica. Tamén terá que elaborar memorias, orzamentos e documentación para convenios e patrocinios, ademais de coordinar grupos de traballo e seleccionar empresas e persoal técnico. Outra das súa funcións fundamentais será a xestión de actividades paralelas, como o Premio Abrente, as residencias artísticas e as coproducións, xunto coa colaboración na estratexia de comunicación e difusión do evento.
O contrato, cun valor estimado de 8.264,46 euros (10.000 euros con impostos), terá unha duración inicial dun ano, prorrogable anualmente ata un máximo de cinco anos, segundo o estipulado pola Lei de Contratos do Sector Público. Este proceso de contratación realizarase mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria. A avaliación das ofertas basearase en criterios técnicos e económicos, dando maior peso á experiencia en dirección de proxectos artísticos e á calidade do plan de dirección artística presentado.
As propostas deberán presentarse antes do 18 de febreiro de 2025, ás 14:00 horas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. A actuación cumpre coas esixencias de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. Ademais, o contrato non poderá dividirse en lotes, dado que unha execución fragmentada dificultaría a correcta coordinación das tarefas.
Con esta apertura a concurso público da licitación do contrato para a Dirección Artística da MIT de Ribadavia, o concello cumpre cunha das promesas do alcalde, César Fernández, de que o posto se adxudique mediante un procedemento aberto e tras unha avaliación previa das ofertas, baseándose en criterios técnicos, económicos e na experiencia no eido da dirección artística, ademais da calidade do plan presentado.
Para máis información sobre os requisitos e condicións, os interesados poden consultar o perfil do contratante na Plataforma de Contratación do Estado.
Ribadavia, capital do teatro dende 1973
En1973 a Agrupación Cultural Abrente puxo en marcha as Mostras de Ribadavia, dentro dun ambiente de recuperación cultural mais tamén social e económica que se vivía en España dende a década dos 60, mais en tempos de dificuldades (económicas, censura…) polo que estas Mostras supuxeron un punto de encontro para a normalización e a profesionalización do Teatro Galego.
A partires de 1984 convértense nun festival internacional, o que supón unha oportunidade para achegar o teatro e a sociedade galegas aos grandes nomes da escena internacional así como ás tendencias e circuitos de maior prestixio.
Rubén García Fernández foi o promotor cultural destas Mostras consideradas, para moitos, o punto de inicio do teatro contemporáneo en Galicia. Este ribadaviense foi o primeiro director das MiT de Ribadavia e tamén de varias edición da Feita do Teatro de Galicia. Un traballo a prol da cultura teatral galega polo que foi recoñecido co premio María Casares de honra.