O Teatro Principal de Ourense vén de presentar a súa programación para o segundo semestre de 2024, cunha variada oferta con propostas centradas no teatro, cine, ópera, danza, circo, concertos e actividades infantís, consolidando así ao Teatro Principal como gran referente cultural de Ourense.
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director da Área de Cultura da institución provincial, Marcos Vázquez, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, que explicou en detalle todas as propostas que ofrece este espazo ata finais de ano.
César Fernández reflexionou acerca de importancia que ten para os territorios «contar con espazos que ofrezan unha programación cultural de calidade e de xeito constante para o desenvolvemento da cidadanía», e recalcou que «Ourense está de parabéns cunha programación cultural de gran calidade, algo fundamental para unha sociedade madura con seres humanos críticos», agradecendo o gran labor desenvolvido polo equipo do Teatro Principal que lidera a súa directora, Olga Mojón, quen tamén manifestou a súa gratitude a todo o equipo –»porque todos e cada un deles son imprescindibles», dixo-, así como ás administracións como a Xunta e a Deputación que, «grazas á súa colaboración, fan que todo sexa posible».
O director da Agadic, Jacobo Sutil, alabou a calidade e a mistura das propostas que conforman a programación do Teatro Principal, «o faro que ofrece á cidadanía todo tipo de manifestacións culturais», dos que 7 contan co patrocinio da Agadic, ademáis da que se ofrecerá do Centro Dramático Galego. Tamén da variedade das actividades programadas falou o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, quen sinalou que «estamos ante unha programación interesante con gran variedade de propostas e de temáticas que de seguro nos farán reflexionar».
Programación variada
A programación do Teatro Principal comeza o 12 de setembro, con «Don Ramón María del Valle-Inclán», de Teatro Español y Bravo Teatro S.L., baixo a dirección de Xavier Alberti. É Premio Godot 2023, Premio Talía 2024, e finalista nos Premios MAX 2024. Trátase dunha reflexion sobre a validez da literatura para entender a vida.
Os dias 18 e 19 de setembro será a estrea nacional do novo espectáculo de Sarabela Teatro, «A cincenta que non quería comer perdices», dirixida por Fina Calleja. A través dun conto moderno para nenos e nenas, revisa con humor o papel que desempeñou a muller durante moito tempo.
«La Madre», de Barco Pirata Producciones Teatrales, baixo a dirección de juan Carlos Fisher e con Aitana Sánchez-Gijón como protagonista, explora os límites da soidade, o vacío e a cordura. Será o 20 de setembro.
«Go-Home», de Etiqueta negra e dirixida por Tito Asorey, é unha comedia que observa a realidade así como as súas problemáticas asociadas a Galicia. Será o día 26 de setembro.
O día 27 de setembro será a estrea nacional da ópera galega «Loba Branca», de Brais González. A súa música está inspirada na música tradicional galega e noutras influencias celtas.
Entre o 28 de setembro e o 6 de outubro, o Teatro Principal estará centrado na programación do OUFF29, que será presentada en vindeiras datas. Do mesmo xeito, os días 17, 18, 20, 24, 25, 26 e 27 de outubro, albergará representacións contempladas dentro do XVII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), cuxa programación tamén será presentada no seu momento.
A música virá da man do Festival de Blues o 11 de outubro, con Claudio Gabis Blues Band e Martha High. Pola súa banda, a danza fará acto de presencia o día 19 de outubro con «Anöa», de Elvi Balboa, unha viaxe efímera e acumulativa onde involucrar o corpo para producir unha experiencia emocional e sensorial.
Xa en novembro, o día 9, Etiqueta Negra Producciones porá en escea «As R(h)umorosas», unha orixinal proposta teatral cómica dirixida por Ledicia Sola, Marta Doviro e Carmen Méndez, que conforman tamén o elenco da mesma.
O 16 de novembro, o Centro Dramático Galego trae «Terceiro acto», de Andrea Jiménes e Noemí Rodríguez. Unha especie de soño poético para os gardiáns da memoria.
«Voces Femininas» volverá a dar cabida a grandes intérpretes e compositoras de todo o mundo o 22 de novembro, reivindicando así o talento de toda unha xeración. As intérpretes serán anunciadas en vindeiras semanas.
O 24 de novembro será o turno de «Helen Keller, a muller marabilla», de Chévere Produccións baixo a dirección de Xron. Trátase dunha co-produción co Centro Dramático Nacional e co Teatre Lliure, con apoio da Agadic.
O 29 novembro será o turno do concerto da Real Filharmonía de Galicia, «os Elementos», baixo a dirección de Amandine Beyer. Pechará o mes ao día seguinte «La Celestina», de Secuencia 3-Pentación-Saga-Teatro Romea, baixo a dirección de Antonio C.Guijosa, con Anabel Alonso como protagonista desta adaptación do clásico da Literatura Española de Fernando de Rojas. Cabe a posibilidade de establecer unha segunda función o 1 de decembro, en función da venda de entradas.
Decembro arrincará o día 15 coa representación teatral «Camino al zoo», de Edward Albee e baixo a dirección de Carlos Rubio. O elenco, conformado por Fernando Tejero, Dani Muriel e Ana Labordeta reflexionan sobre a incomunicación e a soidade.
O 18 de decembro será o concerto de gospel a cargo da «Mississippi Mass Choir», dentro da súa xira europea. Este grupo é recoñecido internacionalmente desde o ano da súa fundación, en 1988 a cargo de Frank Williams.
O 20 de decembro, Coiracho Produccións porá en escena «Almar», dirixida por Raúl Rodríguez da Silva, que recrea a despedida entre dous namorados: Albert Einstein e a espía soviética Margarita Konionkova.
O Concerto de Nadal será o 22 de decembro, a cargo do Coro e Orquestra da New Filarmónica, e centrarase, baixo a dirección de Elisa Gómez, na Novena Sinfonía de Beethoven, coincidindo co 200 aniversario da súa estrea, considerada unha obra maestra da música clásica occidental e un dos logros supremos de toda a historia da música.
A programación anual pecharase coas actividades contempladas no programa «Nadal en familia», que comezarán o día 26 con Maruxiña, de Aurora Artes Escénicas; o día 27 La Pera Limonera representará «un traje nuevo para el emperador»; o 28 de decembro será o turno de «La gata que quería cambiar la historia», de Thomas Noone Dance; pechando a programación o «Circo de Nadal», de La Fiesta Escénica, que será os días 29 e 30 de decembro.