A Galería Dodó Dadá acolleu a presentación do programa completo da I Edición de Estudios Abertos Ourense, evento que nace da Asociación Cultural A Maquinadora, e que conseguiu, coa implicación das entidades e empresas participantes, coordinar a primeira acción destas características no contexto da arte contemporánea ourensá.
Na presentación, que contou cunha nutrida presencia de público, participou o Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou a posición referencial que supón este evento como apertura da temporada cultural a nivel autonómico. “Estes días vimos de presentar en Santiago a apertura de temporada da asociación de galerías Contemporánea, e pensamos que este evento desde Ourense está chamado a ser unha cita ineludible no contexto da arte galega”, manifestou, ao tempo que comprometeu o apoio da Xunta de Galicia para que esta edición sexa a primeira dunha cita consolidada no tempo.
Tomás Lijó, Xefe de Departamento de Comunicación, Imaxe e Son do CIFP A Farixa, salientou que “proxectos como este, que nacen da motivación, o entusiasmo e o esforzo de alumnado e ex-alumnado do noso centro, son un orgullo para nós e conectan cunha maneira de entender a formación profesional en relación coa contorna, coa comunidade, coas empresas, coa cidadanía e neste caso especialmente co mundo cultural a través do sector das artes plásticas da cidade”. O CIFP A Farixa ten asinado un acordo de colaboración co evento que permitirá que alumnado actual do centro poda colaborar con ex-alumnos e profesionais en activo no contexto dun proxecto de produción real.
Viky Mociños, membro de A Maquinadora, presentou aos participantes destacando e agradecendo a xenerosidade e implicación de todas as partes: artistas, Xunta de Galicia, CIFP A Farixa, e Fina Rei, principal patrocinador, que “aportaron os recursos mínimos cos que poder atrevernos a afrontar este proxecto que tanto nos ilusiona”, se ben destacou que “nos quedou a espiña de non ter conseguido a implicación do Concello de Ourense ou da Deputación de Ourense para esta edición” aínda que afirmou estar convencida de que de cara a vindeira ocasión “verán que si merece a pena estar do lado das creadoras e creadores ourensáns.”
A proposta, a modo de festival descentralizado, converterá a cidade de Ourense e algúns espazos dos concellos de Taboadela ou Coles, que tamén colaboran, nunha sorte de exposición ou feira descentralizada, permitindo á veciñanza e visitantes, achegarse a arte de primeira man, coñecer en primeira persoa aos creadores da nosa contorna e deste xeito contribuír a amosar un traballo que as máis das veces, pese á veciñanza, pasa por descoñecido para os máis próximos.
Viky Mociños desgranou a operativa do evento, no que o público poderá visitar de xeito libre e gratuíto calquera dos estudios participantes, espazos diseminados pola cidade e os seus arredores. Para elo, a través da páxina web www.estudiosabertos.com, poderán acceder a un mapa xeolocalizdo dos talleres, e toda a información sobre os espazos e os artistas participantes.
Un proxecto que nace coa vontade de tecer redes e sumar apoios
O proxecto, que nace con vontade de continuidade, é unha proposta de A Maquinadora, Asociación cultural sen ánimo de lucro constituída por ex-alumnos e comunidade educativa do ciclo de Produción de Audiovisuais do CIFP A Farixa e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura e o patrocinio, entre outros, da marca de doces alaricana Fina Rei e a participación confirmada para esta primeira edición de 20 artistas nun total de 14 espazos diseminados por toda a cidade e localidades próximas
A Maquinadora nace coa vontade de canalizar inquedanzas no campo da produción e da acción sociocultural co foco posto na dinamización da cidade de Ourense e da provincia.
Esta I Edición será posible ao contar co apoio da Dirección Xeral de Cultura e co patrocinio de Fina Rei, se ben o equipo de produción do evento está a traballar para tecer unha rede de establecementos colaboradores e marcas enolóxicas e gastronómicas da provincia interesadas en asociar os seus produtos ao traballo das artistas e dos artistas ourensáns e así ofrecer unha experiencia única aos visitantes.