A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte presenta o seu programa de actividades e festexos para o Entroido 2025, que comezará o xoves 27 de febreiro e finalizará na madrugada do luns ao martes de Entroido. Un amplo programa preparado minuciosamente e destinado a tódolos públicos, co claro obxectivo de seguir impulsando unha celebración senlleira e que conta con gran aceptación no barrio de Ponte Canedo.
Un ano máis dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte apostan pola innovación, por novas actividades e por seguir impulsando as xa existentes e que foron un éxito ao longo das últimas edicións. O obxectivo segundo explican dende a asociación «é seguir fomentando a participación dos pontinos, as pontinas, os ourensáns e as ourensás no Entroido de Frei Canedo e superar as cifras do ano pasado, cando máis de 20.000 persoas pasaron pola carpa ao longo dos días que durou o Entroido».
O parque da Ribeira de Canedo volverá a ser, un ano máis, o epicentro das celebracións de Entroido de Frei Canedo. Nesta nova edición, a asociación cultural púxose como meta «ampliar a participación de negocios e da veciñanza» e por este motivo puxeron en marcha un concurso de escaparates entre os negocios do barrio, que deben decorar os seus establecementos con adornos de Entroido e que teñan algunha referencia a Frei Canedo. Ademais, abriuse a tódolos públicos o concurso para elixir o cartel oficial do Entroido, sendo numerosas as persoas que participaron enviando os seus deseños.
Unha das novidades deste ano será a Gran Festa de Comadres, que terá lugar o xoves 27 de febreiro e que por primeira vez se celebrará xa na carpa no Parque de Ribeira de Canedo, sendo un evento aberto a todo o público, o que aumenta nun día as celebracións de Entroido. O evento consistirá nunha cea popular cun menú variado composto por callos, churrasco, ensalada, criollo, orellas de entroido, pan e viño e a un prezo de 25 euros. As entradas estarán a venta nos vindeiros días no Mercado de Abastos de Ponte Canedo, na cafetería Don Gaetano, na barbería SersBarber e no local da Asociación Cultural. O prazo para mercar as entradas finalizará o mércores 26 de febreiro. Ademais da cea, haberá baile de disfraces e actuacións musicais. O único requisito, tal e como manda a tradición, é que tódalas persoas deben ir disfrazadas de muller.
O venres 28 de marzo os cofrades e as cofradesas de Frei Canedo participarán no tradicional desfile que organiza o Concello de Ourense polas rúas do casco vello. Posteriormente e a partir das 21:00 horas na carpa de Ribeira de Canedo haberá diferentes actuacións musicais e consolídase por segundo ano a Festa DJ, na que ata 4 dos máis recoñecidos DJ´s da cidade actuarán en directo para o deleite dos presentes.
O sábado 1 de marzo os festexos arrancarán cun pasarrúas polo barrio da Ponte, a cargo de Cantares da Cunha, que amenizarán musicalmente o paso de Frei Canedo polas distintas rúas e negocios do barrio. Xa pola tarde, haberá música na carpa que se prolongará ata as 23:00 horas, cando chegará a actuación da Orquestra La Noria.
O domingo estará un ano máis dedicado as crianzas que desfrutarán de diversas actividades dende pola mañá. Haberá xogos populares e tradicionais, talleres de maquillaxe e pintura, animación, concursos e un ano máis un taller de queixos ofrecidos por Vallelongo, no que os máis pequenos poderán desfrutar elaborando o seu propio queixo. Pero non só os pequenos terán actividades, posto que tamén haberá sesión vermú a partir das 12:00 do mediodía a cargo de Verbena Disco e a partir das 13:30 horas comezará o xantar, con polbo, carne ao caldeiro, pan e bebidas, que se poderán mercar na propia carpa. Tras unha tarde de xogos e actividades para os máis pequenos, as celebracións rematarán ás 21:00 horas co concerto do grupo ourensán Amarillo 13.
O luns 3 de marzo volverá a ser un ano máis o día grande en Frei Canedo da Ponte. Este ano os festexos comezarán xa pola mañá, cun novo pasarrúas a cargo de Aperta Percusión a partir das 12 do mediodía que acompañarán a Frei Canedo no seu percorrido polas rúas e negocios do barrio. Xa pola tarde a partir das 18:30 horas comezará a xuntanza de cofrades e cofradesas arredor da capela. A partir das 19:30 horas terán lugar os solemnes actos co bautismo dos novos cofrades, a bendición da súa santidade, a entrega dos premios do concurso de escaparates e do cartel, e a purificación do potafumeiro, para dar paso ao plato estrela, o pregón que nesta edición correrá a cargo de Cañita Brava. A novidade deste ano é que o pregón trasládase a entrada da Ponte Romana.
Xa a partir das 20:15 horas arrancará a solemne procesión de Frei Canedo, onde se agarda unha presenza masiva de comparsas no desfile, que un ano máis participarán nun concurso para elixir as tres mellores. Un evento que ano tras ano aumenta a participación da veciñanza e que congrega a milleiros de persoas nas rúas polas que transita, a saber, Ribeira de Canedo, Avenida das Caldas, Xesús Pousa, Rúa San Froilán e novamente a Avenida das Caldas. Tralo desfile haberá música na carpa, e a partir das 23:00 horas actuación a cargo da orquestra Galilea. Ás 00:00 horas lanzarase o tradicional folión de fogos de artificio, para posteriormente realizar o sorteo dos agraciados das rifas e finalizar a noite da man da orquestra Galilea.
Dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte agradecen a colaboración, un ano máis, do Concello de Ourense, de Aceites Abril, e de tódolos negocios e empresarios que colaboran desinteresadamente para que o Entroido sexa unha realidade. Frei Canedo convida a tódalas persoas a participar nos festexos e actividades e deséxalles un feliz Entroido.
