
A Deputación de Ourense inaugurou a exposición «Virxilio inédito (1925-2025)» no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coincidindo co centenario do nacemento do artista ourensán, falecido en 2011. O presidente provincial, Luis Menor, destacou durante a inauguración a aposta da institución ourensá por poñer en valor a un referente da cultura ourensá no eido da plástica e que, dixo Menor, «máis ca un ‘artistiña’, foi un artistazo». O director do centro cultural, Francisco González, foi o encargado de introducir o acto, ao que asistiron autoridades, familiares e artistas.
A exposición, conformada por un centenar de pezas, permitirá ao público descubrir unha visión renovada e ampliada do capital artístico que deixou Virxilio.
O presidente provincial fixo referencia ao compromiso da Deputación coa cultura e lembrou a vinculación de Virxilio coa Deputación de Ourense, a través da Escola de Artes e Oficios da que foi alumno, traxectoria inicial da que «sempre presumiu».
Pola súa banda, Gabriela Fernández, comisaria da exposición e filla de Virxilio, destacou o difícil que lle resultou reunir seis décadas de traxectoria e remover nos recordos de seu pai. Agradeceu tamén á Coral De Ruada, que pretende realizar unha homenaxe a Virxilio. Neste sentido, o presidente provincial comprometeuse a sumarse ás intencións da agrupación musical de lembrar o legado do pintor.
Tamén participou no acto Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, que puxo en valor o «gran peso ourensán» que hai na colección artística do Parlamento de Galicia, no que tamén se exhibe obra de Virxilio.
Un centenar de obras
A exposición «Virxilio inédito (1925-2025)» está conformada por obras nunca antes expostas. Trátase dun centenar de pezas, incluíndo dúas vitrinas con debuxos, apuntes e pequenos traballos en papel.
Entre a escolma, poden atoparse as súas clásicas referencias aos retratos de escenas musicais, as súas estancias en Alemaña e as paisaxes. Tamén hai un espazo adicado ao seu traballo como cartelista, con proxectos como os carteis das festas de Ourense, das Xornadas de Folclore, do Magosto, do Entroido ou para a Dirección Xeral de Tráfico.
A mostra complétase cun catálogo que leva textos de José María Pérez Alvarez (Chesi) e Xosé Manoel Rodríguez, que acomete una breve biografía de Virxilio.
A mostra estará aberta ao público ata o próximo 11 de maio.
Biografía de Virxilio
Virxilio (Ourense, 1925-2011) foi un destacado artista plástico, pertencente a xeración dos ‘artistiñas’ bautizados por Vicente Risco, un grupo que buscou a renovación da escea artística galega no século pasado.
Virxilio, que comezou a súa traxectoria formándose na Escola de Artes e Oficios de Ourense, trasladouse en 1957 a París para formarse na École Nationale Supérieure des Beaux Art. Tras esta etapa, Alemania foi o país no que o ourensán colleitou máis éxito, levando as súas obras a localidades como Bonn, Berlín e Franckfurt.
A obra de Virxilio caracterízase por unha estética que combina a simplicidade formal cunha paleta de cores vibrantes.