
A Deputación de Ourense colabora na edición do cómic «Delirium, unha confusión inesperada», con argumento e guión de Pablo López Mayo, especialista do Servizo de Medicina Interna e membro do Grupo Multidisciplinar Alerta Delirium, do Hospital Universitario de Ourense e ilustracións e coescritura de Paula González Moral, como parte do seu traballo de fin de grao en Medicina, no que obtivo a máxima cualificación.
Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional, participou esta mañá, xunto ao xerente do CHUO, Santiago Camba; así como os autores e membros do grupo Alerta Delirium, na presentación oficial do libro, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Delirium, o síndrome confusional agudo en pacientes de idade avanzada, asociado á hospitalización.
O obxectivo da iniciativa é dar a coñecer esta síndrome confusional, aínda moi descoñecido entre profesionais e poboación pese a súa alta incidencia (20 a 40% dos maiores de 64 anos, segundo trasladan os
Confusión, axitación, postración, desorientación ou delirios son algúns dos síntomas dun episodio moi frecuente nos maiores hospitalizados. O Delirium, ou Síndrome Confusional Agudo, as veces pode confundirse con signos de deterioro cognitivo ou delirium tremens, asociado ao alcoholismo, xa que ten síntomas comúns. A prevención e abordaxe precoz ante os signos de alarma poden ser a clave ante un proceso no que o tratamento farmacolóxico pode servir de apoio cara algún dos síntomas, pero non é a resposta.
Conscientes desta problematica, máis frecuente en Ourense derivada do perfil poboacional da provincia, hai cinco anos constituiuse un grupo de traballo multidisciplinar «Alerta Delirium» formado por profesionais dos Servizos de Medicina Interna, Psiquiatría e Medicina Intensiva para o fomento da prevención, diagnóstico e intervención precoz. Obxectivos nos que a difusión é clave.
O grupo de traballo de Ourense «Alerta Delirium», está formado entre outros polos internistas Juan José Soler, Pablo López e Ana Latorre; os psiquiatras Ignacio Gómez-Reino, David Simón, Sandra Rodríguez Ramos; os intensivistas Jesús Priego e Estefanía Prol, en moitos momentos co apoio dos residentes destas tres especialidades.
Nestes cinco anos o grupo leva desenvolvido diferentes iniciativas de difusión entre o colectivo profesional tanto na nosa área como a nivel nacional e internacional, co obxectivo de xerar estratexias multidisciplinares, entre as distintas profesións do sector hospitalario e noutros niveis asistenciais en coordinación cos equipos de atención primaria e traballo social, claves para un mellor tratamento destes pacientes e o seu seguimento unha vez retornan a domicilio.
Para conseguir estes propósitos elo, en Ourense estanse elaborando distintas guías e protocolos de actuación, tanto para profesionais como familias, co obxectivo de concienciar ao persoal e aos familiares dos pacientes, na iniciativa común de mellorar a súa detección e tratamento, na convicción de que ata o 40% dos casos se poderían previr.
Dentro da batería de actuacións que se están a coordinar desde o grupo ourensán, un dos primeiros a nivel nacional en abordar esta problemática, a primeira será avaliar a incidencia real do síndrome na nosa Área, traballo que permitirá contar cun rexistro de casos e avaliar as súas causas para avanzar nas medidas preventivas e protocolos de seguimento dos pacientes.
Igualmente o grupo está contacto coa reducida comunidade profesional implicada no diagnóstico e tratamento a nivel internacional, entre os que hai que destacar a Dra. Sharon Inouye, pioneira na investigación de Deliriun, directora do Centro do Envellecemento do Cerebro, do Marcus Institute for Aging Research Hebrew SeniorLife, da Cátedra da Familia Milton e Shirley F. Levy e profesora de Medicina na Facultade de Medicina de Harvard, ademais de editora xefe de Medicina Interna da prestixiosa revista JAMA , unha das primeiras en alertar da súa problemática e do necesario enfoque dos factores de risco desde unha perspectiva non farmacolóxica.