A sede de Cruz Vermella en Ourense acolleu onte a reunión do Comité Provincial, na que se fixo un primeiro balance da actividade levada a cabo dende os diferentes proxectos no primeiro semestre do ano e se aprobaron as contas e a memoria de actividade de 2023.
Da presentación dos datos de Memoria Provincial, Felipe Ferreiro, presidente provincial, salientou o traballo do persoal técnico e voluntario dende todas as áreas, que atenderon a máis de 18.000 persoas durante o 2023. A elas hai que engadir os máis de 8.600 participantes en actividades de sensibilización, entre as que destacan as de promoción da saúde, medio ambiente e as realizadas desde Cruz Vermella Xuventude.
“Detrás de cada cifra, de cada número que resumen o noso labor, hai moita intervención de orientación, acompañamento, formación e historias de vidas”, apuntou Ferreiro.
“Con estas accións melloramos as vidas de persoas de distintos colectivos, moitas delas en situación de extrema vulnerabilidade ou risco social: persoas maiores, infancia en risco de exclusión ou desamparo, persoas inmigrantes, persoas sen recursos, en situación de desemprego, sen rede de apoio social ou familiar, mulleres vítimas de violencia, persoas con problemas de saúde, persoas reclusas ou ex-reclusas, e calquera persoa que precisaba do apoio da Cruz Vermella porque pasaba un momento de dificultade”, dixo.
Na análise dos datos por áreas, cabe destacar que na área de Inclusión Social foron atendidas máis de 12.200 persoas que precisaban axuda para cubrir as súas necesidades básicas. Ferreiro subliñou que “o emprego é un factor determinante para a inclusión social, polo que os datos do Plan de Emprego son alentadores, xa que a través dos nosos proxectos preto de 400 persoas accederon a un posto de traballo”. En total foron máis de 1.400 participantes en cursos de formación e sesións de orientación para achegalos ao mercado laboral, promovendo a igualdade de oportunidades e a eliminación de estereotipos grazas á colaboración e complicidade do tecido empresarial ourensá.
Noutros ámbitos as cifras ascenden a máis de 3.680 persoas na área de Saúde, máis de 6.500 persoas na área de Educación, máis de 400 na área de Medio Ambiente e preto de 1.300 na área de Socorros.
Neste sentido, lembrou que todas as accións de Cruz Vermella están vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030 que nos implica a todas e a todos para transformar o mundo, poñendo fin á pobreza, protexendo o planeta e avanzando pola senda da Paz. “Está nas nosas mans e na nosa vontade facer da sociedade na que vivimos un exemplo de cohesión e humanidade”, engadiu.
Para rematar, Ferreiro agradeceu a súa implicación e apoio a todos os membros do Comité e aos presidentes comarcais de Cruz Vermella polo seu traballo diario, así como ás administracións públicas, ao tecido empresarial ourensá, ás máis de 10.300 persoas e empresas socias, e aos máis de 2.700 voluntarios/as que colaboran puntualmente coa organización.
Os proxectos de Cruz Vermella foron financiados pola Xunta de Galicia, o Goberno de España, o Fondo Social Europeo, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, o Concello de O Barco de Valdeorras, o Concello de O Carballiño, o Concello de Celanova, o Concello de Ribadavia, o Concello de Xinzo de Limia, a Mancomunidade de Verín, Fundación “la Caixa”, e por fondos propios da Institución (doazóns, aportacións de socios/as, Sorteo de Ouro, etc.).