Comunicado do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova cando se cumpren 85 anos da erección do símbolo fascista no Outeiro da Obra

Outeiro da Obra en Celanova
Outeiro da Obra en Celanova

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova DENUNCIA que, 85 anos despois, o símbolo de exaltación do golpe, a guerra e a ditadura segue en pé no Outeiro da Obra en Celanova, contrario á Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática, e contrario ás sucesivas recomendacións da ONU ao Estado español sobre o necesario impulso das políticas de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova LEMBRA que o conxunto da cruz dos caídos, que inclúe o escudo franquista e o emblema da Falange Española, así como un altar e a lenda «A los combatientes de la parroquia de Celanova caídos por Dios y por España» foi promovida pola Bandera de la Falange de Marruecos e inaugurada o 8 de agosto de 1939 para render homenaxe aos mortos do bando sublevado, segundo as indicacións estipuladas polo aparato de propaganda do «Novo Estado» franquista e co obxectivo de conmemorar e lexitimar a vitoria dos golpistas. E así quedou expresado no discurso do comandante na despedida da Bandera de Falange: «Señor alcalde, yo espero que sabréis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos», segundo recolle a crónica de La Región o 30 de setembro de 1939.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ELABOROU un exhaustivo informe sobre o símbolo no que documenta a historia do símbolo e como o espazo foi utilizado durante os primeiros anos da ditadura como lugar de culto e exaltación do réxime franquista. Ese informe foi presentado publicamente como base da demanda social de retirada do símbolo que, entre febreiro e abril de 2021, recibiu máis de 1.500 adhesións, entre elas a de expresidentes da RAG, como Xosé Luís Méndez-Ferrín e Xesús Alonso Montero, así como de destacados historiadores, líderes políticos galegos e todo o movemento memorialista galego e de varios colectivos estatais, como a ARMH.

O INFORME do Comité sobre o símbolo foi entregado ao Subdelegado do Goberno en Ourense, en maio de 2021, coa demanda de que se rexistrase diante do organismo estatal competente sobre políticas de memoria e se aplicase a lei vixente naquela altura, a Ley 52/2007, de 26 de decembro. En febreiro de 2022, coincidindo co aniversario do inicio da campaña para a retirada do símbolo, o Comité rexistrou no Concello de Celanova un escrito solicitando a aplicación da lei. Ese escrito non tivo resposta.

No plano institucional local, durante o mandato da corporación municipal 2019-2023, o Comité conseguiu levar a pleno DÚAS MOCIÓNS para a retirada do símbolo conforme á lei. O 8 de abril de 2021, a corporación municipal de Celanova negou o debate de urxencia da moción por 12 votos a 1, mais o alcalde consentiu en lle dar voz ao remate da sesión a un portavoz da asociación Abogados Cristianos, polo que o Comité rexeitou o convite a falar e abandonou o salón de actos para non branquear o discurso neofranquista e negacionista deste colectivo de ultradereita. Malia todo, o alcalde e o goberno local sentaron un lamentable precedente ao converter ao Concello de Celanova na primeira administración pública no país que admitía a intervención deste colectivo.

O 30 de novembro de 2022, coa nova lei estatal de memoria xa aprobada e ao mesmo tempo que no cemiterio de San Breixo se estaba a levar a cabo a intervención na Fosa dos Asturianos ao abeiro do Plan estatal de fosas, o pleno da corporación municipal admitiu a debate a moción do Comité para a retirada do símbolo. Desta volta, o portavoz municipal do PP, o exalcade e actual deputado autonómico José Luis Ferro, que ano e medio antes negara a urxencia do debate exhibindo certo desprezo polas vítimas («non vexo a urxencia, se se puido esperar 82 anos…») utilizou nesta ocasión outra fórmula para enlodar a memoria das vítimas con media ducia de referencias a ETA para sinalar a diferencia de trato que, na súa opinión tiñan unhas e outras vítimas (as do franquismo e as de ETA). Cómpre recordar que no ano 2017, o goberno local que el presidía, con maioría do PP, foi o responsábel de mudar o nome da rúa López Blanco (mozo morto na Guerra no bando sublevado, e convertido en «mártir» e homenaxeado en 1972 pola corporación municipal que lle puxo o seu nome a aquela rúa) polo de Miguel Ángel Blanco, saltándose a lei de memoria histórica en vigor e coñecendo que estaba rexistrada a demanda para o cambio no rueiro en cumprimento da lei (rexistro que tiña feito o avogado madrileño Eduardo Ranz). Malia aquel 30 de novembro un equipo de arqueólogos, baixo a supervisión do antropólogo forense Fernando Serrulla, acaba de topar os restos dos sete asturianos na fosa ao pé do mausoleo de Antonio López Blanco… así que o alcalde, a corporación toda, incluíndo os concelleiros e concelleiras do PP, dedicaron un «aplauso» ao Comité (con varios membros alí presentes) e despois volveron eludir o compromiso coa lei, a nova lei, xa en vigor. A dilación segue a ser a política do PP en cuestión de memoria histórica. E iso fixo: ante a necesidade expresada de retirar o símbolo que chantaran os mesmos que executaron aos asturianos e os meteron naquela fosa que agora se abría, o PP aludiu a un punto da lei (o catálogo de símbolos, aínda sen desenvolver) e argumentou, deturpando a lei, que non se debía retirar o símbolo sen que estivese no catálogo, para xustificar a súa abstención na votación. O alcalde e o grupo que o respalda acolléronse ao mesmo argumento (e a práctica da dilación). Mais a moción saíu adiante: 3 votos a favor da retirada do símbolo (PSOE e BNG) e abstencións do resto.

Pasaron vinte meses, o alcalde e a súa coalición (Celanova Decide mais o PSOE) continúan no goberno co respaldo do BNG, mais o acordo plenario segue sen se cumprir.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova SEGUE TEIMANDO para que se cumpra a lei. Así está no noso ánimo e así o manifestamos nos nosos estatutos cando se estableceu como un dos fins do Comité «esixir a retirada de toda a simboloxía franquista e fascista, así como impulsar a creación ou resignificación dos lugares da memoria».

En marzo de 2024, o Comité puxo enriba da mesa novos documentos que acreditan o carácter do símbolo coa publicación do oficio da Bandera de Falange de Marruecos no que se dá conta oficial ás autoridades penitenciarias do encargo, da data e da recompensa (en forma de redución de pena) ao preso que tivo que levantar a cruz no Outeiro da Obra, un albanel asturiano, Lucio Nestal, aquel 8 de agosto de 1939.

Non hai na Galiza símbolo fascista en pé máis antigo que este. Non hai no país outro símbolo en pé do que se teña documentado de maneira tan exhaustiva o seu carácter de memorial afectado pola lei en vigor. Non hai tampouco outro caso que se teña suscitado tantas e tan notábeis adhesións á demanda da súa retirada. Porén, o franquismo e o fascismo seguen facendo presa na sociedade celanovesa (hai apenas unhas semanas tivemos un exemplo máis co branqueamento desde a Fundación Curros da figura do falanxista banduense Eugenio Montes). Somos conscientes de que para erradicar o franquismo non basta con eliminar os seus símbolos, mais o labor de pedagoxía necesario empeza por enfrontar as evidencias. É preciso levantar de vez a venda do franquismo.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad