Comunicado íntegro enviado por el PSdeG-PSOE de Ourense en repulsa a los ataques a Xurxo Doval, Secretario General de las Juventudes Socialistas.
A secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, e os integrantes da Comisión Executiva Municipal queremos trasladarlle de xeito unánime todo o noso agarimo e aprezo ao compañeiro e amigo Xurxo Doval, militante desta agrupación e actual secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, ante os inaceptables e inxustificables ataques e descualificacións dirixidas cara el na rede social X.
Os feitos producíronse a partir dunha publicación na súa conta en apoio ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, despois de facer pública a súa decisión de continuar á fronte do Executivo, o cal desencadeou unha onda de insultos LGBTIfóbicos que contaron coa complicidade e respaldo de membros da dirección das Novas Xeracións, a mocidade galega do Partido Popular.
Xurxo é unha persoa valente, traballadora, loitadora, con principios e valores fondos de xustiza social, un orgullo para todos e todas as socialistas de Ourense e do noso país. Un referente para a xente moza, unha persoa brillante, con futuro e que cre na política a pesares de coñecer e ter experimentado o que significa dar pasos adiante na vida pública nun escenario como o actual.
Xa basta de ataques e desprezos que só responden a frustracións persoais e políticas, falta de ética e de rumbo en partidos e organizacións xuvenís coma o PPdeG e NN.XX. Non poden nin deben esperar un minuto máis para condenar e parar os pés a aqueles e aquelas que se atreven a encher de odio, insultos e difamacións públicas a outras persoas. Que pensarían se foran eles, algunha amizade ou integrantes da súa familia?
Esiximos de maneira inmediata a condena e desculpas públicas do Partido Popular e as NN.XX. de Ourense e Galicia ante a gravidade dos feitos acontecidos e trasladamos toda a forza e ánimo en nome da militancia de Ourense.