A Mesa Interinstitucional contra a violencia de xénero, presidida pola concelleira Marga Pérez, e na que tamén participan outros concelleiros e representantes das institucións implicadas no tratamento de casos de violencia de xénero, e na que se inclúe tamén o Concello de Taboadela, puxo cifras á violencia de xénero na provincia e no concello. Mantivo unha reunión coincidindo co 25 de noviembre, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Esta reunión celébrase cada seis meses. Se na anterior (maio) o número de casos activos no sistema VioXen en Barbadás era de 20, desta volta súmanse outros 10 casos para facer un total de 30 mulleres dentro deste sistema. Ademais, hai menores en situacións de vulnerabilidade e risco. Das vítimas, 22 delas teñen medidas de protección mediante ordes de afastamento e/ou prohibición na comunicación aos agresores. No total da provincia de Ourense, son 556 mulleres as acollidas ó sistema VioXen.
Dende a Mesa detectan unha maior facilidade das vítimas a denunciar, o que aumenta os casos rexistrados. Precisamente a presentación de denuncias é esencial para dar unha solución a esta problemática que asolaga Galicia, con preto de 6.000 mulleres no sistema VioXen, tal e como trasladou a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias, unha cifra que aumenta considerablemente respecto á do ano pasado.
Durante a reunión os e as representantes das distintas institucións que forman parte da Mesa (concelleiros de Barbadás e Taboadela, traballadoras sociais de ambos concellos, orientadoras dos centros educativos, representantes do Centro de Saúde de Barbadás, persoal dos servizos sociais municipais, Garda Civil, Protección Civil e Policía Local…) enfatizaron a importancia de pór todos os recursos dispoñibles a disposición das vítimas e da necesidade de seguir traballando coordinadamente para tratar de rematar con esta lacra.
Ademais, abordaron cuestións coma a do perfil do agresor, en moitos casos reincidente. Na provincia de Ourense hai 140 agresores persistentes (en cuxo historial consta máis dunha vítima) e que non necesariamente ten un perfil agresivo nas súas relacións sociais xerais, polo que manter o foco e a atención é esencial.
Marga Pérez, quen presidía a mesa, aproveitou este acto para lembrar a importancia de políticas feministas como a Lei contra a Violencia de Xénero que este ano cumpre o seu vixésimo aniversario e que foi unha lei pioneira e referente en toda Europa.