O Concello de Barbadás aprobou no pleno de onte luns, 8 de outubro, unha modificación de crédito destinada a atender necesidades urxentes e a facer fronte ao incremento de prezos, utilizando 158.000 euros procedentes dun aumento de 700.000 euros asignados polo Estado. Este incremento forma parte da liquidación definitiva da participación municipal nos tributos estatais.
Entre as medidas aprobadas, destacan os 40.000 euros adicionais para axudas ao transporte, dado o aumento considerable de viaxeiros. O número de usuarios do transporte público en Barbadás aumentou significativamente, pasando de 215.492 viaxes en 2022 a 308.355 en 2023. O Concello, pioneiro nas bonificacións de transporte, aplica un desconto do 37% no billete xeral, que se amplía ao 55% para estudantes e ao 48% para pensionistas, sendo totalmente gratis para persoas en risco de exclusión.
Outros 25.000 euros destínanse á redacción de proxectos para obras do Plan Provincial, mentres que 15.000 euros adicionais financiarán estudos técnicos, reflectindo o elevado volume de proxectos en marcha, moitos deles vinculados á mellora de infraestruturas e da calidade de vida da cidadanía.
Ademais do transporte e as infraestruturas, a modificación de crédito inclúe recursos para educación, fomento do emprego, instalacións deportivas e reparación de maquinaria. O resto dos 700.000 euros destinaranse a investimentos e ao pago de facturas pendentes.
Outro acordo relevante foi a declaración de 541.000 euros como créditos non dispoñibles, xa que estes importes previstos inicialmente deixan de ser necesarios grazas á achega adicional do Estado.
Os acordos económicos foron aprobados cos votos do PSdeG-PSOE, DO e Partido Galego, mentres que PP e BNG votaron en contra.
Tamén tomarón posesión das súas actas o concelleiro popular Roberto Fernández e a socialista Noemí Pintos, que sustitúen a Dolores Grande e Cristian Rodríguez respectivamente.