
A Deputación de Ourense mantén abertos os prazos para dúas liñas de axudas en materia deportiva: a convocatoria para axudas a deportistas individuais e a correspondente ás Copas Deputación. Ambas convocatorias terán abertos os seus respectivos prazos para a recepción de solicitudes ata o 28 de febreiro, último día no que se admitirán rexistros.
No que atinxe ás axudas das Copas Deputación, están dotadas con 90.000 euros. Estas subvencións estarán destinadas a desenvolver, prioritariamente, nunha ou varias xornadas, competicións deportivas que baixo a denominación de Copas Deputación se desenvolvan integramente na provincia de Ourense durante a actual temporada deportiva 2024-2025. A estes efectos, advírtese que a competición deportiva denominada «Copa Deputación», para ser subvencionable ao abeiro das presentes bases, debe celebrarse como competición (federada ou non federada) exclusiva, non podendo desenvolverse de xeito simultáneo con outras competicións, torneos ou eventos, e debendo figurar exclusivamente, ademais, a referencia «Copa Deputación» na súa denominación. Tendo en conta que cada disciplina deportiva pode estar dividida en varias modalidades deportivas, unicamente serán subvencionables un máximo de dúas Copas Deputación nas diferentes modalidades deportivas en que se divide unha disciplina deportiva.
Poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. Se a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense, sendo esta última a que, neste caso, presente a solicitude. En todo caso soamente se admitirá unha solicitude por cada Copa Deputación.
No que respecta ás axudas para deportistas individuais por parte da Deputación Provincial de Ourense, realízase mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, de becas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a temporada 2023 – 2024, coa finalidade de fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo.
A contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións é de 40.000,00 euros, sendo de 3.000 euros como máximo por solicitante. Poderán concederse subvencións de diferente contía, en función dos méritos e categoría dos deportistas solicitantes.