O Concello de Ribadavia aprobou un novo programa de subvencións destinado á rehabilitación de vivendas no casco histórico e na área de San Cristovo, como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
Este programa ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxétixa das vivendas destas zonas apoiando aos propietarios na renovación dos seus inmobles ao tempo que se fomenta a sostibilidade. As actuacións pretenden axudar a reducir o consumo de enerxía, mellorar o illamento e favorecer o uso de enerxías máis limpas.
Quen pode beneficiarse?
Poderán solicitar estas axudas os propietarios de vivendas unifamiliares e edificios residenciais situados nas zonas declaradas como “Entornos Residenciales de Rehabilitación Programada (ERRP)” de Ribadavia, isto é, o casco histórico e máis a área de San Cristovo. O programa está dirixido tanto a particulares como a comunidades de propietarios.
Requisitos das actuacións subvencionables
As obras deben estar enfocadas en mellorar a eficiencia enerxétixa dos edificios, acadando polo menos unha redución do 30% no consumo de enerxía non renovable. Darase prioridade aos proxectos que melloren o illamento térmico dos inmobles, aínda que tamén se poderán incluír outras melloras como a renovación de instalacións térmicas ou a eliminación de elementos con amianto.
Os edificios protexidos polo seu valor histórico ou arquitectónico terán requisitos específicos, adaptando as obras permitidas ás normas de conservación, sempre respectando os obxectivos de aforro enerxético.
Subvencións: ata o 80% do custo das obras
As axudas cubrirán ata o 80% do custo da actuacións, cun máximo de 21.400 euros por vivenda e 192 euros por metro cadrado para locais comerciais. Ademais, se as obras inclúen a retirada do amianto, poderase recibir unha axuda adicional de ata 12.000 euros por edificio.
Para as familias en situación de vulnerabilidade económica, as axudas poderían cubrir ata o 100% do custo, dependendo dos ingresos dos solicitantes. “Estas axudas están pensadas para facilitar que todas as familias, sen importar o seu nivel de ingresos, poidan mellorar as súas vivendas e contribuír á sostibilidade” explica o alcalde de Ribadavia, César Fernández.
Criterios de selección e prazos
As solicitudes serán avaliadas en función de distintos criterios, coma o nivel de protección do edificio e a porcentaxe de aforro enerxético previsto tralas obras. Tamén se terán en conta as características socioeconómicas dos propietarios, priorizando as familias con menores ingresos.
O prazo de presentación de solicitudes será dun ano desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. As obras deberán finalizarse antes do 30 de xuño de 2026, e disporase dun máximo de 26 meses para a súa execución.
Tramitación das solicitudes
As solicitudes deberán presentarse de forma preferente a través da sede electrónica do Concello de Ribadavia. Para isto, os solicitantes deberán contar cos permisos e licenzas correspondentes antes de iniciar as obras. Exixiráselles tamén un certificado de eficiencia enerxética do inmoble, tanto antes como despois das actuacións, para garantir o cumprimento dos requisitos do programa.
Declaracións do alcalde de Ribadavia
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou aa importancia deste programa: “Grazas a estas axudas, moitos veciños e veciñas poderán renovar as súas vivendas, melloralas enerxéticamente e, ao mesmo tempo, así contribuiremos entre todos na loita contra o cambio climático. Ademais, é unha oportunidade para axudar na preservación do noso patrimonio histórico, unha das maiores riquezas de Ribadavia, e facelo cun enfoque moderno e sostible”.