![Servizos Sociais Ribadavia](https://i0.wp.com/www.ourense.com/wp-content/uploads/2025/02/Servizos-Sociais-Ribadavia.jpg?resize=1100%2C825&ssl=1)
O Concello de Ribadavia ven de activar o programa “Axudas de Dereitos Sociais 2025”, unha iniciativa destinada a apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade, garantindo a cobertura de necesidades básicas como alimentación, hixiene, farmacia ou vestimenta, así como o pago de alugueiro, hipoteca e subministracións da vivenda habitual.
As axudas concederanse cunha periodicidade mensual ao longo de todo o ano 2025, cunha contía que variará segundo o número de membros da unidade familiar. As familias beneficiarias poderán recibir entre 50 e 200 euros ao mes, dependendo do seu nivel de ingresos e composición. Ademais, estas axudas deberán empregarse exclusivamente no comercio local de Ribadavia, fomentando así o apoio á economía de proximidade.
Un dos aspectos fundamentais desta convocatoria é que esta axuda non será compatible con outras prestacións sociais doutras administracións, como a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital, por exemplo. Deste xeito, o Concello de Ribadavia busca dar cobertura a aquelas familias que, malia atoparse en situación de vulnerabilidade, quedan fóra de programas de axuda doutras administracións.
En 2024, un total de 37 familias de Ribadavia beneficiáronse destas axudas municipais, demostrando a importancia deste apoio local para garantir a dignidade e benestar das persoas con maiores dificultades económicas.
Para acceder ás axudas, os solicitantes deberán estar empadroados en Ribadavia, cumprir cos límites de ingresos establecidos e xustificar os gastos realizados nos establecementos adheridos. Ademais, os beneficiarios en idade laboral deberán asumir un compromiso de inclusión sociolaboral, participando en accións formativas e de inserción no mercado de traballo.
As solicitudes poderán presentarse ata o 19 de decembro de 2025 no Departamento de Servizos Sociais do Concello. O goberno municipal anima ás persoas que cumpran os requisitos a solicitar esta axuda, destinada a aliviar a presión económica das familias máis necesitadas e a fomentar o seu acceso a recursos esenciais.
Para máis información, os interesados poden consultar as bases completas no taboleiro de anuncios e na web oficial do Concello de Ribadavia.