O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Comité de Memoria Histórica do Val do Límia opóñense rotundamente a calquera forma de branquexamento dos represores e cadros falanxistas que foron parte do aparato que tomou o poder tralo golpe de Estado e a guerra, apoiados polos gobernos nazi alemán e fascista italiano, e que someteron ao país a unha ditadura de corenta anos de terror e sangue.
Consideramos que non é labor dunha Fundación que leva o nome de Curros Enríquez e representa ao Concello de Celanova participar desta operación de branquexamento dunha destacada figura do réxime franquista.
Solicitamos dos patronos da Fundación unha reflexión sobre o uso da institución como escaparate deste tipo de operacións propagandísticas do negacionismo, que deturpan historia, dilúen as responsabilidades e supoñen unha segunda vitimización das vítimas.
As políticas de recuperación de memoria histórica no Estado español que tanto custou levantar, e que se inspiran no mandato da ONU de promover a verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, estanse a ver socavadas desde posicións de ultradereita que espallan discursos de odio e ocultación da verdade histórica co fin de negar as vítimas os seus dereitos e negar as responsabilidades dos vitimarios e dos ideólogos dos vitimarios. A Fundación Curros Enríquez e os seus patronos non deberían consetir que se utilice a súa palestra para actuacións contrarias á lexislación de memoria e a protección que os Dereitos Humanos ofrecen ás vítimas.
O Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova veñen denunciando que o libro de Manuel Rivero é contrario á Lei estatal de Memoria Democrática de 2022, que xa no seu preámbulo fai un chamado a «desterrar cualquier forma de exaltación de la Dictadura en el espacio público». E que no seu artigo 35 fai mención expresa aos símbolos de exaltación «personal o colectiva, de la sublevación militar y de la Dictadura, de sus dirigentes, participantes en el sistema represivo o de las organizaciones que sustentaron la dictadura». E no artigo 38 define como «actos públicos contrarios a la memoria democrática», actos realizados en público «que entrañen descrédito, menosprecio o humillación de las víctimas o de sus familiares» -a revictimización-, ou supoñan a «exaltación personal o colectiva, de la sublevación militar, de la Guerra o de la Dictadura, de sus dirigentes, participantes en el sistema represivo o de las organizaciones que sustentaron al régimen dictatorial». A todas luces, o libro de Manuel Rivero, Eugenio Montes, o intelectual silenciado, é un artefacto de branquexamento dunha figura sobranceira do réxime franquista e do falanxismo e constitúe un acto de exaltación da ideoloxía do odio e da violencia.