Aprobada a iniciativa socialista para crear aparcadoiros disuasorios en Ourense

Aparcamiento en el barrio de O Polvorín
Aparcamiento en el barrio de O Polvorín, Ourense

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense conseguiu, no primeiro pleno ordinario deste ano, que se aprobe –cos votos a favor de PP, BNG e a abstención de DO– a súa iniciativa para a elaboración dun plan que contemple aparcadoiros disuasorios que desconxestionen o tráfico e faciliten a mobilidade na cidade. A encargada de defendela foi a voceira do PSdeG, Natalia González.

«A pesar da aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) fai un lustro xa, concretamente no ano 2019, que contiña un plan específico para a creación de aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade e fomentar o uso do transporte público, nada se fixo a día de hoxe por parte do actual executivo local, que segue a gardalo nun caixón. E para nós é fundamental adoptar medidas neste senso», sinalou durante a súa intervención.

Recriminou, ademais, ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que cando o seu partido non gobernaba presentou no mesmo Salón de Plenos unha iniciativa para habilitar emprazamentos en puntos de entrada á cidade e agora desbota calquera posibilidade de facelo. «Comezou a gobernar hai 5 anos e agora aposta abertamente por privatizar os aparcamentos da cidade e cambiar de opinión simplemente polos seus intereses persoais e económicos, non por defender o público», afirmou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

Os mesmos respaldos acadou a moción socialista, que expuxo igualmente a portavoz dos e das socialistas, para poñer en valor a figura do escultor ourensán Arturo Baltar, logo de que o pasado ano se cumprise o centenario do seu nacemento, e revitalizar o espazo expositivo do seu belén.

«No recente 2024, xusto cando se cumpría o centenario do nacemento dun dos grandes artistas da nosa cidade que nos deixou un legado único coa súa obra, e que conta con esculturas e ilustracións en espazos museísticos de Galicia e España; as administracións públicas, e concretamente o Concello de Ourense, esquecéronse del obviando conmemorar a súa traxectoria e contribución», lamentou a voceira.

Pola súa banda, a edil socialista María Fernández sinalou que a moción do PP para instar á elaboración dun proxecto de recuperación dos camiños tradicionais non aborda todas as eivas actuais pendentes de vontade política: «A recuperación dos camiños tradicionais debería ser unha prioridade porque, entre outras cousas, serve para comprender como fomos mudando a nivel agrícola ou de infraestruturas, pero a iniciativa ten un carácter moi xenérico que fai que non se poidan abordar todas as necesidades e retos reais. A idea é magnífica porque supón recuperar un patrimonio histórico e cultural. E sería interesante que o Concello de Ourense se implicase para rescatar parte da nosa memoria».

Tamén foi a encargada de intervir no debate para aprobar provisionalmente a ordenanza para a ampliación do servizo público de prevención e extinción de incendios lembrando que «o incumprimento dos procedementos administrativos» xa levou en anteriores ocasións a problemas de aplicación efectiva das medidas aprobadas. «O PSOE vaise abster para deixar ao executivo local facer as cousas ao seu xeito e ogallá isto non volva a pleno máis adiante, como cremos que vai acontecer», destacou.

Así mesmo, a edil do PSdeG Alba Iglesias esixiu, a conta da iniciativa do BNG para a execución do vial de conexión entre a N525 e o barrio de Barrocás, máis planificación, implicación e traballo por parte da Xunta e o Concello en materia de mobilidade en Ourense. «Ambulancias atrapadas, autobuses facendo malabares, coches dando voltas… E con dous puntos críticos: O cruce de Ramón Puga e a avenida de Nosa Señora da Saínza, e a rotonda de entrada ao CHUO. E todo isto nunha cidade que debería ter accesos fluídos ao hospital máis importante da provincia», reseñou sobre a problemática cotia que padece a cidadanía.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad