O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, dotadas con 3,9 millóns de euros.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, convoca estas axudas para contribuír a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, cun orzamento que se repartirá entre 2025 -2,5 millóns de euros- e 2026 -1.400.000 euros-.
As accións que se subvencionan consistirán no control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista, coa finalidade de reducir a carga de combustible existente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de que se produzan.
Concederanse achegas para áreas devasa en monte desarborado para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea. Para montes en rexeneración, serán máis de 1.650 euros por hectárea para o rareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos.
As axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar.
Superficies mínimas para solicitar as axudas
Os beneficiarios serán as persoas titulares dos montes veciñais de man común que conten, individualmente ou agrupados, con superficies de máis de 100 hectáreas, e as agrupacións forestais de xestión conxunta deberán contar con máis de 50 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia.
As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.