O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o turismo «sostible» no acto «Ribeira Sacra, candidatura a Patrimonio Mundial e compromiso coa mobilidade sostible», celebrado no expositor de Galicia en Fitur.
Luis Menor ratificou o compromiso «inquebrantable e firme» da Deputación de Ourense coa Ribeira Sacra, un destino que cualificou como «definido, maduro e singular», destacando tamén os «séculos de historia» que compoñen este territorio compartido entre as provincias de Ourense e Lugo.
O presidente da Deputación tamén fixo un chamamento a manter a base dun turismo «sostible», unha meta para conservar, dixo, «a esencia da Ribeira Sacra, a esencia coidada coa que este tesouro chegou aos nosos días».
Ademais, valorou o gran traballo realizado para elaborar unha candidatura sólida ante a Unesco, confiando en que «moi pronto» se acada o obxectivo.