A Deputación de Ourense acometerá a creación dun mini parque termal e lúdico no entorno do Monte dos Chaos, no Concello de Arnoia. Trátase dunha actuación contemplada no Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, froito do convenio subscrito en decembro de 2021 entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a propia Deputación para beneficiar a 15 municipios termais rurais da provincia de Ourense. En base a estes obxectivos, o mini parque estará ubicado finalmente no Concello de Arnoia e será a propia institución ourensá a encargada de acometer o proxecto. As empresas contan ata o día 19 de febreiro como data límite para enviar as súas ofertas.
A actuación do mini parque termal promove a creación dun espazo con equipamentos lúdicos para actividades acuáticas, que teñan unha vertente pedagóxica sobre as propiedades das augas. É dicir, con actividades de diversión e lecer, pero tamén cun carácter de aprendizaxe para os nenos e as súas familias.
A temática a desenvolver será un parque de xogos de auga e, en particular, as augas do entorno Monte dos Chaos, en Arnoia. Trátase dunha ubicación onde existe a día de hoxe unha edificación inacabada e en estado de abandono, o que supón un impacto paisaxístico e visual. En concreto, sitúase sobre o balneario de Arnoia. Conéctase a través dunha pista e sendeiros cos miradoiros e o embarcadoiro, desde o que tomar o eco-barco, que forma parte de outra das actuacións do Plan de Sustentabilidade.
Este mini parque promoverá o aprendizaxe en materia de sustentabilidade a través da preservación e o recoñecemento do patrimonio natural termal do territorio. Entre os obxectivos, tamén destaca a sensibilización, a aposta por un turismo familiar e a recuperación dun área degradada.
En definitiva, o proxecto ten unha función dobre: por unha banda, recuperar un espazo degradado para unha intervención previa inacabada que produce un impacto visual negativo, e por outra banda, dotar ao entorno dun novo espazo no que a auga sexa a protagonista e a razón perfecta para crear unha zona infantil lúdica.
O orzamento estimado para a humanización do entorno e a execución do mini parque termal ascende a 359.535,39 euros.
