O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Asociación Provincial de Voluntarios de Protección Civil, Clemente Pérez, así como co xefe do servizo da área de Emerxencias da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, José Olivier Reboredo
A reunión serviu avaliar as accións realizadas no pasado ano, no que por primeira vez a Deputación Provincial implementou unha liña de axudas para gastos de organización e funcionamento a agrupacións de voluntarios de Protección Civil «e que serviron para cubrir prácticamente todas as demandas realizadas desde toda a provincia», salientou Menor. Precisamente, as axudas a Protección Civil enmárcanse nas catro novas liñas de subvencións postas en marcha polo goberno provincial no pasado ano para concellos e colectivos de diversos ámbitos. No caso concreto das achegas ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil, destináronse preto de 70.000 € para case medio cento de grupos.
De feito, acordouse na reunión continuar con esta liña de axudas durante este ano, así como colaborar con outros eventos como poden ser a xornada de convivencia anual, unha das máis importantes que se celebran no país.
Tamén a Deputación cooperará con accións dirixidas á concienciación e divulgación sobre a importancia de Protección Civil en Ourense, colaborando activamente a institución provincial con xornadas para fomentar o voluntariado neste eido.
En definitiva, Luis Menor destacou, logo de analizar a situación de Protección Civil en Ourense, «o alto grao de colaboración entre administracións» que existe actualmente en materia de Emerxencias, dado que, segundo os datos deste servizo, a provincia é «unha das máis seguras de España», polo que Menor ratificou que «desde a Deputación continuaremos con esta colaboración e intensificarémola na medida das nosas posibilidades».