A Deputación de Ourense comprométese a incrementar os fondos para obras municipais en 2025

Diputación de Ourense
Diputación de Ourense

No Pleno de debate dos orzamentos da Deputación de Ourense para 2025, o Grupo Provincial Socialista acadou o compromiso do grupo de goberno para dotar con alomenos tres millóns de euros suplementarios o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (CooperOU) na modificación de crédito a realizar no próximo mes de febreiro.

«Malia as carencias e eivas que identificamos na proposta orzamentaria, os socialistas imos ser coherentes e manter a dinámica construtiva e propositiva iniciada neste mandato para chegar a acordos con vistas a mellorar as condicións dos concellos e da veciñanza», subliñou o voceiro do PSdeG-PSOE na corporación provincial, Álvaro Vila. Logo de constatar a obriga adquirida polo Grupo Popular, xustificaba así Vila a abstención do seu grupo aos orzamentos, que foron aprobados.

Amais dos recursos suplementarios a repartir entre os municipios da provincia segundo criterios obxectivos, durante o debate os socialistas tamén lograron o compromiso do PP para dotar con 500.000 euros o Plan de compra e rehabilitación de vivendas para aluguer ou uso social e 250.000 euros a repartir entre os cinco concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes que contan cun conservatorio profesional de música (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia e Verín).

Doutra banda, nas conclusións do debate orzamentario, o presidente da Deputación, Luís Menor, aceptou poñer en marcha un estudo para a integración do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) no seo da Deputación de Ourense. «Cumprindo así cos puntos de acordo da moción socialista que recibiu o voto favorable da maioría das deputadas e deputados desta corporación no pleno de outubro de 2024», destacou Vila.

Facer da Deputación un vector de progreso provincial

Na súa exposición de motivos o voceiro socialista foi moi crítico, afirmando que os orzamentos «fan caso omiso da auténtica situación da provincia, caracterizada polo despoboamento, perdendo a provincia uns 40.000 veciños desde o ano 2.000; a falta de servizos e oportunidades, as debilidades estruturais da nosa economía, que depende aínda de sectores tradicionais, así como a falta de innovación e adecuación do tecido produtivo, que carece de investimentos».

Para os socialistas, os Orzamentos 2025 persisten en «instrumentos e políticas públicas erráticas», presentando ao Inorde coma «claro expoñente de ineficacia e irracionalidade administrativa e falta de transparencia». «Non se xustifica a súa utilidade nin gasto e, sen logros susceptibles de razoar a súa mera existencia, a Deputación debe asumir directamente as supostas funcións do Inorde», explicou Vila.

Segundo este, «á luz destes orzamentos, a Deputación de Ourense non contempla ser motor de cambio, resignándose ao lento esmorecer da provincia, cunha patente a falta de ambición para reverter a tendencia de forma urxente».

Para Vila, «a corporación provincial ten que asumir un rol protagonista no desenvolvemento de Ourense, cun proxecto claro e ambición de avanzar, que non é o caso á luz dos orzamentos».

Prevención provincial fronte a inundacións

Co voto favorable dos grupos provinciais, o Grupo Socialista sacou adiante unha iniciativa para a activación «efectiva e inmediata» do Plan EmergOU que, aprobado inicialmente en xaneiro de 2023, pretendía «dar resposta ás necesidades dos concellos afectados por riadas, inundacións e desprendementos causados polas chuvias».

«O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois da súa posta en marcha, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia», subliñou a deputada socialista Elvira Lama. Segundo esta, «con tantas ferramentas ao dispor, a Deputación debe velar polo acaído funcionamento dos mecanismos de información e prevención para evitar males maiores».

A proposta socialista tamén contempla que a corporación provincial se implique activamente e colabore cos concellos ourensáns de risco «medio-baixo» de inundacións que aínda non dispoñan dun plan de actuación na materia. Na provincia de Ourense uns 7.000 inmobles están construídos en zona inundable, revestindo perigo «medio-baixo» até 13 municipios (A Rúa, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ribadavia, Verín, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia).

Asemade, a demanda do grupo socialista, o groso do pleno acordou solicitar da Xunta de Galicia a súa «implicación económica e técnica» para a redacción dos Plans de Risco de Inundación Municipal nos concellos ourensáns, así como para o desenvolvemento destes a través da posta en marcha de programas e cursos formativos para o persoal dos distintos niveis de  intervención en emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade pública.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad