O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita ao parque provincial de maquinaria, no polígono de San Cibrao das Viñas, onde se prepara o operativo do Plan de Vialidade Invernal, que cunha dotación de preto de medio cento de profesionais, unha vintena de vehículos e unha reserva de 1.850 toneladas de sal ten por obxectivo manter a seguridade nos 1.000 quilómetros de vías provinciais onde hai risco de neve e xeo.
«Achácaselle a esta Deputación que gasta moito en persoal, pero a importancia do mesmo radica en que apostamos pola prestación de servizos de maneira directa, por iso esta campaña se prestará con medios propios», reivindicou Menor.
O presidente provincial destacou que un 40% do total da rede viaria provincial atravesa zonas que se atopan a máis de 700 metros de altitude, polo que o plan despregará os medios nestes puntos a medida que sexa necesario. A previsión é que o operativo de vialidade invernal se estenda ata o próximo 30 de abril de 2025, blindando as vías provincias fronte a meteoroloxía adversa durante os catro meses de maior risco.
Na visita, o presidente da Deputación estivo acompañado pola directora da área de Infraestruturas, Marta Docampo; o xefe da sección de Conservación e Explotación, Antonio Carlos Sánchez; e o responsable do parque, José Fírvida, que explicaron os aspectos máis relevantes do plan, que conta con seis centros operativos distribuídos por toda a provincia e con base en Ourense, Verín, Manzaneda, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras e Viana do Bolo.
Ademais do medio cento de medios persoais, o plan inclúe sete camións quitaneves e un tractor invernal con saleiro e coitela como equipamento fixo. Ademais, haberá dispoñible un equipo de medios de reforzo ocasional, entre os que se inclúen niveladoras, retroescavadoras, camións con muíño e saleiro ou vehículos ‘pickups’ con coitela.
No tocante a material fundente, a reserva de 1850 toneladas de sal distribuirase en nove almacéns e un silo.
Ampliación da colaboración cos concellos
Ademais de atender ás vías provinciais, a Deputación tamén coopera cos concellos e mancomunidades na vialidade invernal nas redes locais mediante un convenio de cooperación para o subministro de fundentes e para a aplicación de tratamentos preventivos nas estradas municipais. Esta colaboración ampliouse a dez concellos máis que no pasado exercicio, sendo un total de 57 os concellos adscritos ao convenio, ademais da mancomunidade de Celanova. «Esta é unha liña de colaboración que cada vez ten máis éxito, con condicións vantaxosas para os concellos», subliñou o presidente.
Por último, Menor reiterou o seu agradecemento ao persoal propio que desenvolve a campaña de vialidade e o seu labor para «manter seguras as vías necesarias para vertebrar a provincia».