A CIG de Ourense vai presentar alegacións ao prego de condicións do contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria que o Concello publicou a principios de ano. Ademais de non contar co parecer da representación legal do persoal na elaboración dos pregos, para a central nacionalista resulta de especial preocupación a indefinición no proceso de subrogación, que se conculcan dereitos recollidos no actual convenio colectivo e que se abre a porta a aplicación de convenios diferentes de condicións inferiores.
O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, que compareceu este xoves en rolda de prensa acompañado polos delegados/as da CIG en ECOURENSE (a empresa que presta o servizo na actualidade) , lembrou que o contrato está en precario dende o ano 2022, tras rematar as dúas prórrogas. Isto implica que, de maneira permanente, Ecourense acode aos xulgados do contencioso administrativo «onde gaña sentenzas millonarias por facer máis servizos dos que están no contrato».
Subliñou que dende o ano 2021, cando o alcalde de Ourense mediou na negociación do convenio colectivo, existe un compromiso de informar á representación legal das persoas traballadoras antes da publicación dos novos pregos. Un compromiso que foi reiterado durante estes anos nas múltiples reunións co Concello, pero que na realidade non se respectou, “xa que a principios de ano nos atopamos cos pregos publicados, na habitual política de feitos consumados deste alcalde, impedindo que puideramos facer achegas e propostas ao documento. Ningunéase así a todo o comité ao non ter en conta as súas opinións nin técnicas nin administrativas».
Peores condicións e conxelación salarial
Porén, alén do aspecto formal, para a CIG o máis grave radica na modificación das condicións de traballo e no posíbel recorte de dereitos. «Modifícanse os horarios, establécese unha conxelación salarial ao márcase unha base salarial do ano 2023 -retrotraendo o nivel salarial a hai máis de un ano-, e a maiores xera dúbidas a respecto da subrogación da totalidade do cadro de persoal, porque está moi difusa a súa redacción».
Neste senso, unha cuestión fundamental é que nestes pregos se fai constante referencia a que o convenio de aplicación é o de sector, mais sen nomealo, polo que podería ser tanto o convenio estatal de recollida de lixo como o provincial da limpeza. En calquera caso, calquera destes dous marcos reguladores contempla condicións inferiores ás que foron negociadas no convenio de empresa. «Defendemos que o convenio de aplicación, sempre que falemos de circunstancias máis beneficiosas, é o de empresa, tal como se recolle o ET».
O secretario da CIG de Ourense apuntou á importancia desta cuestión porque «estamos falando de melloras en temas de incapacidade temporal, días de asuntos propios, xornada, promoción de ascensos, ou as coberturas de invalidez e incapacidades». Sobre este último punto informou que no convenio de ECOURENSE está regulada a cobertura de vacantes, de maneira que o persoal eventual ten preferencia sobre calquera outra persoa, e incluso con beneficio para as mulleres traballadoras en caso de empate.
Todas estas melloras pelexadas no actual convenio «poderían desaparecer de aplicarse o convenio estatal». Diante disto, a CIG acordou presentar alegacións aos pregos de condicións para garantir que se respectan os dereitos laborais e salariais do persoal e o mantemento de todos os postos de traballo. E advertiu que “estes pregos parecen estar enfocados a crear inseguridade xurídica e unha conflitividade laboral importante no futuro”.
Negociación do convenio con ECOURENSE
A aparición dos pregos prodúcese no marco da negociación do novo convenio colectivo e coas conversas estancadas tras unha ducia de reunións, en boa medida pola falta de interlocución coa patronal, xa que as dúas empresas que integran a UTE ECOURENSE (Copasa e FCC) están enfrontadas entre elas.
Neste novo contexto, a CIG vai tamén convocar a compañía para seguir negociando o convenio colectivo «toda vez que consideramos que a alcaldía mentiu de forma reiterada á representación do persoal, prometendo unha proposta de mediación para desbloquear a negociación, pero o que nos atopamos é unha proposta para fulminar as condicións laborais mediante uns pregos de concesión administrativa a outra empresa». Uns pregos, denuncia o responsábel sindical, nos que o Concello “aposta por un convenio distinto e compromete o nivel de promoción salarial de todo o persoal nos próximos anos».