A CIG esixe a dimisión do director do SEPE por falta de persoal e de medios

CIG
CIG

A CIG-Administración Pública anunciou hoxe unha campaña de mobilizacións en resposta á situación de “colapso” na que se atopa o Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) como consecuencia dunha “alarmante” falta de persoal e a posta en marcha dunha nova aplicación ineficaz para tramitar as prestacións. As protestas, coas que tamén se reclama a dimisión do director xeral do organismo estatal, comezarán este xoves 3 cunha concentración diante da Dirección Provincial do organismo na Coruña ás 11:30 horas e continuarán os vindeiros días en Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo.

Na xornada do 10 de abril haberá dúas mobilizacións, unha ás portas da Dirección Provincial do SEPE en Vigo ás 9:00 horas e outra na oficina de prestacións na rúa Benito Corbal de Pontevedra ás 11:30 horas. As seguintes serán nas Direccións Provinciais do SEPE en Ourense o 23 de abril e en Lugo o 30, ambas as dúas ás 11:30 horas.

A intención da CIG é alertar sobre as consecuencias que esta situación está a provocar tanto no persoal como no propio SEPE, “xa que o que está a acontecer impide ofrecer un servizo de calidade á cidadanía e afecta gravemente a nosa saúde física e mental”, tal e como sinalou hoxe en rolda de prensa Xulio Iglesias, representante da CIG no SEPE. Iglesias compareceu diante dos medios de comunicación en Vigo acompañado de Isolino Carrera, secretario comarcal da CIG-Administración, e de Óscar Gómez, membro da Executiva da federación.

Os responsábeis sindicais denunciaron a “alarmante” falta de persoal que fai que o actual número de persoas traballadoras sexa completamente insuficiente para afrontar o volume de traballo. “Esta carencia estrutural obríganos a asumir unha carga laboral extenuante e unha presión constante para cumprir os prazos”. Neste senso, detallaron que no conxunto do país hai 155 postos vacantes no organismo, polo que o traballo que tería que desenvolver este persoal é asumido polas 600 persoas traballadoras coas que conta o SEPE.

Ao mesmo tempo, criticaron a existencia dunha normativa complexa que dificulta o recoñecemento das prestacións. “As regulacións vixentes para o recoñecemento das prestacións por desemprego son labirínticas, e en lugar de simplificar os trámites xera atrasos, o que se traduce nunha frustración xeneralizada tanto nas persoas usuarias como no persoal encargado da súa aplicación”.

O terceiro factor que incide na situación de colapso ten que ver co “desastre” da nova aplicación informática ALMA para a xestión das prestacións, xa que a súa recente posta en marcha resultou “un auténtico calvario: lonxe de modernizar e axilizar os procesos, presenta unha multitude de fallos técnicos, erros de funcionamento e unha interface pouco intuitiva que dificulta enormemente o noso traballo diario”.

Por iso alertan que esta combinación de factores está a ter “consecuencias devastadoras” tanto para o persoal (que padece estrés, ansiedade, esgotamento e vese impotente ao non poder atender a cidadanía “coa dilixencia e a calidade que merece”) como para as propias persoas usuarias, “que se enfrontan a atrasos inaceptábeis derivados do aumento do tempo de recoñecemento nas prestacións e a problemas para poder recibir unha información axeitada do seu expediente pola falta de datos derivada da nova aplicación”. 

En consecuencia esixen solucións “inmediatas e efectivas”, que pasan por un aumento urxente e significativo do persoal. “É imprescindíbel dotar o SEPE dos recursos humanos necesarios para atender a demanda de maneira adecuada”. Neste momento falta a cuarta parte do persoal necesario. Mais en oficinas de prestacións como a de Tui a porcentaxe de vacantes é do 43 %, mentres que na de Caldas de Reis atinxe o 50 %.

Tamén demandan unha revisión e simplificación da normativa, algo necesario para adaptar a lexislación á realidade actual, eliminando a burocracia innecesaria e facilitando o acceso ás prestacións por desemprego. 

E unha revisión exhaustiva e unha mellora urxente da aplicación ALMA. “É inaceptábel que unha ferramenta informática deseñada para facilitar o noso traballo, e na que xa se levan gastado máis de 8 millóns de euros, se converta nun foco de problemas constante”. Polo que esixen unha solución técnica eficaz e unha formación adecuada para o persoal.

Por todas estas cuestións, e ante a falta de actuación por parte da Dirección Xeral do SEPE, reclaman a dimisión do seu máximo responsábel. “A situación é insostíbel e require unha actuación urxente por parte da Administración, porque non podemos seguir traballando nestas condicións”. Polo que fan un chamamento á comprensión e ao apoio da cidadanía para esixir un servizo cos recursos necesarios para cumprir “o seu importante labor social”.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad