
A CIG-Administración Pública desenvolverá unha nova mobilización para denunciar a situación de colapso na que se atopa o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), debido á alarmante falta de persoal e á implantación dunha nova aplicación informática ineficaz para a tramitación das prestacións. Con estas protestas, que se están a levar a cabo en todas as direccións provinciais, a central sindical reclama tamén a dimisión do director xeral do SEPE pola súa inacción na procura de solucións.
En Galiza existen actualmente 155 postos vacantes no SEPE, polo que as 600 persoas traballadoras activas deben asumir unha carga laboral moi superior á que lles correspondería. Esta situación impide prestar o servizo en condicións dignas, obriga a asumir ritmos de traballo extenuantes e repercute negativamente na calidade da atención á cidadanía.
A isto engádese unha normativa excesivamente complexa que, lonxe de simplificar, dificulta o recoñecemento de prestacións como o desemprego ou o Ingreso Mínimo Vital, xerando atrasos e unha frustración xeneralizada tanto entre as persoas usuarias como no propio persoal.
Un sistema informático que agrava a situación
A situación empeorou desde a implantación, en novembro, da nova aplicación informática ALMA, que xa supuxo un gasto de máis de 8 millóns de euros. Segundo denuncia a CIG, esta ferramenta, que tiña como obxectivo modernizar e axilizar os procesos, presenta múltiples fallos técnicos, erros de funcionamento e unha interface pouco intuitiva.
O novo sistema obriga o persoal a empregar o dobre ou incluso o triplo de tempo para consultar un expediente respecto das aplicacións anteriores, reducindo así o número de citas, aumentando os tempos de espera e diminuíndo a resolución de prestacións diarias.
Ademais, a aplicación rexistra numerosos erros no recoñecemento automático das prestacións, o que obriga a revisar manualmente as resolucións, duplicando os tempos de tramitación. Tamén se están a producir múltiples fallos nos pagos das prestacións, o que incrementa a incerteza e o malestar entre a poboación usuaria.