Hoxe, xoves 14 de novembro, responsábeis das seccións sindicais da CIG nas empresas concesionarias dos autobuses urbanos e da limpeza viaria e recollida do lixo do Concello de Ourense compareceron en rolda de prensa diante do consistorio ourensan para anunciar a convocatoria de mobilizacións no caso de que continúe a parálise na negociación dos convenios colectivos. A central sindical esixe ao Goberno local que interceda para que as empresas retomen as conversas con boa fe, como establece a normativa laboral.
Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal da CIG-Ourense, lembrou que estas concesións, as de maior volume do Concello, están en precario desde hai anos e teñen o convenio caducado desde o 31 de decembro de 2023. Subliñou que “o alcalde ten que exercer as súas responsabilidades, xuntar as dúas partes e garantir que as empresas negocien de boa fe; porque ningunha se moveu da súa posición inicial e o único que pretenden é restarlle beneficios sociais e poder adquisitivo ao persoal”.
O secretario denunciou a táctica dilatoria das empresas, que culmina coa negativa a seguir negociando, coa complicidade dun Goberno municipal incapaz de avanzar nos pregos para unha nova concesión. Lamentou que esta situación aboca a un futuro inmediato de conflitividade laboral, xa que as patronais tentan eliminar dos pregos as condicións económicas e sociais do persoal.
Rubén Mouro, representante da CIG no comité de Urbanos de Ourense, explicou que as negociacións ao longo de 2023 non lograron avances significativos. Criticou a manobra oportunista da dirección ao suspender ofertas debido á licitación en curso, mantendo un contrato en precario desde 2025, e destacou que Urbanos de Ourense ten recoñecido un 6% de xuros por riba do custo de explotación, obrigando ao Concello a pagar 16 millóns de euros.
Adelina Basteiro, de Ecourense, sinalou que o contrato de limpeza viaria segue en precario e que a empresa obtivo beneficios adicionais sen repercutilos no persoal. Reclamou celeridade no prego de condicións, lembrando que dende abril de 2020 o Goberno local promete publicalo sen resultados.
Os representantes sindicais adiantaron a posibilidade de celebrar asembleas para propoñer mobilizacións, acusando ao Concello de ser parte do problema ao non asumir as súa responsabilidade nun servizo esencial.