
O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá nos concellos de Culleredo, Ourense, Ferrol, A Estrada, Ames, Redondela e Viveiro para exixir un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) público, ben dotado e con condicións laborais dignas. As protestas insírense na campaña que veñen desenvolvendo por unha atención á dependencia digna en Galiza. Por iso, anuncian a súa participación na manifestación do sábado 26 de abril en Santiago de Compostela, en apoio ás demandas por un convenio digno nas residencias privadas.
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG lembra que o SAF é esencial para que as persoas dependentes poidan permanecer nas súas casas, un desexo arraigado na cultura galega. Porén, denuncian, o servizo enfróntase a graves carencias por unha xestión fragmentada e privatizada. Un modelo no que a competencia recae nos concellos, o que resulta en múltiples modelos de xestión, maioritariamente privados, que supoñen grandes problemas na prestación e comprometen a calidade da atención.
Advirten ademais da falta de persoal, pola insuficiencia de traballadoras (maioritariamente mulleres) o que lles xera unha sobrecarga laboral que afecta tanto ás usuarias como ás empregadas, reducindo a calidade do servizo. E súmanse á denuncia das traballadoras polas condicións laborais precarias que realizan tarefas de coidado con gran responsabilidade e esforzo físico e emocional a cambio de «salarios baixos, riscos para a saúde e falta de recoñecemento».
Estas deficiencias agrávanse polo contexto xeral da atención á dependencia en Galiza, onde os tempos de espera para resolucións e prestacións superan o ano, e case 2.000 persoas faleceron entre 2020 e 2024 na lista de espera, segundo datos do IMSERSO. Ademais, as prazas públicas en residencias (5.016) representan só o 23% do total, mentres que as privadas (16.936) dominan o sector, e a cobertura de centros de día é insuficiente.
Demandas da CIG
O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG esixe a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que:
- Xestione directamente o SAF desde a Xunta, eliminando a privatización e unificando criterios.
- Incorpore máis persoal para atender a demanda crecente.
- Negocie un convenio colectivo único que garanta salarios e condicións laborais dignas para as traballadoras do SAF.
Apoio á manifestación do 26 de abril
O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG fai un chamamento a participar na manifestación convocada o sábado 26 de abril en Santiago de Compostela polo persoal de residencias privadas, en defensa dun convenio colectivo que garanta retribucións dignas, complementos por incapacidade temporal, compensación por festivos e redución da xornada laboral. Esta mobilización, convocada pola CIG, busca denunciar a precariedade no sector e esixir un modelo de coidados centrado nas persoas.