Dende a CIG de Ourense foi enviado un escrito á Subdelegación do Goberno español solicitando a retirada do escudo da Organización Sindical Española (OSE), o sindicato vertical do franquismo, situado no edificio do Parque de San Lázaro onde a CIG ten a súa sede. Na fachada principal do edificio, que tamén acolle a sede de CCOO, UGT, USO e organismos como a Inspección de Traballo, mantense un escudo en pedra da antiga OSE, organización fascista creada en 1938.
A CIG sinala que este símbolo vulnera a Lei de Memoria Histórica de 2007, que obriga á retirada de simboloxía franquista en edificios públicos. Ademais, a Orde CUL/3190/2008 establece instrucións específicas para a retirada destes símbolos nos bens da Administración Xeral do Estado. Por tanto, a CIG reclama que se proceda á eliminación do escudo da OSE do edificio da Casa Sindical de Ourense, en cumprimento da lei e por cuestións de xustiza.