A alcaldesa de Rairiz de Veiga destaca o papel do PSdeG-PSOE na mellora do financiamento dos concellos da provincia a través da Deputación de Ourense

PSOE

«O Plan CooperOU, que foi aprobado grazas ao esforzo do Grupo Provincial Socialista na Deputación, permitiunos aos concellos un gran respiro económico, marcando un antes e un despois no financiamento municipal», subliña a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade.

Segundo esta, amais de contar con máis fondos, mellora a organización e planificación do consistorio, e a súa autonomía, «xa que sabemos desde principio do ano con que recursos contamos para cubrir as necesidades das nosas veciñas e veciños».

As declaracións da alcaldesa foron en presenza de deputadas e deputados do Grupo Provincial Socialista na corporación provincial, que acudiron a Rairiz de Veiga no marco dunha xira máis ampla polos concellos ourensáns para avaliar o impacto do mecanismo de reparto de fondos entre concellos sobre a base de criterios obxectivos posto en marcha pola Deputación (CooperOU).

Con cargo a devandito plan de financiamento provincial, o concello da comarca de Limia recibiu ao longo deste ano 2024 un total de 413.420,51 euros, fronte aos apenas 75.000 euros que lle foron asignados no anterior exercicio económico.

Mellorar as condicións dos concellos e da veciñanza

Malia que os Orzamentos 2025 da Deputación de Ourense contemplan unha suba na asignación para o Plan CooperOU con respecto a 2024, o Grupo Provincial Socialista a considera «insuficiente», demandando un incremento da partida destinada ao financiamento dos concellos.

O voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, destaca «o pobre» do incremento na partida do CooperOU, «que apenas sube un millón de euros», en comparación cos recursos totais dispoñibles no orzamento, «que aumentaron case que dez millóns de euros con respecto ao ano pasado».

Neste senso, no recente Pleno de debate dos orzamentos da Deputación, o PSdeG-PSOE acadou o compromiso do grupo de goberno para dotar con alomenos tres millóns de euros suplementarios o Plan o na modificación de crédito a realizar o vindeiro mes de febreiro.

«Malia as carencias e eivas que identificamos na proposta orzamentaria, os socialistas imos ser coherentes e manter a dinámica construtiva e propositiva iniciada neste mandato para chegar a acordos con vistas a mellorar as condicións dos concellos e da nosa veciñanza», estima Álvaro Vila.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad