A CIG-Industria alertou hoxe de que o anuncio da asignación da plataforma STLA Small para a fabricación de vehículos eléctricos á planta de Stellantis en Vigo non vai supoñer unha solución para a actual crise da automoción galega nin vai frear a falta de carga de traballo derivada da crise que atravesa o sector do automóbil en Galiza e en Europa.
A central sindical critica que se presente como solución inmediata para o sector un proxecto previsto para mediados de 2027, “xa que durante estes dous próximos anos e medio imos seguir sufrindo a vaga de ERTE, axustes de cadros de persoal, despidos e peches de empresas de compoñentes”. Consecuencias da actual crise do sector a nivel europeo que van a recaer sobre as persoas traballadoras, “mentres as empresas seguirán obtendo beneficios millonarios”.
Unhas empresas que van recibir millóns de euros de axudas, “como os 230 millóns de euros que a Xunta lle acaba de regalar ás compañías do sector -especialmente a Stellantis- mediante o Plan Director do Automóbil, sen ningún compromiso de mantemento do emprego, chegada de novas empresas de compoñentes, carga de traballo ou formación para as persoas traballadoras”.
Ao mesmo tempo, dende a CIG fan fincapé no feito de que a plataforma anunciada asignouse co “sufrimento” e perda de dereitos das persoas traballadoras de Stellantis nun convenio colectivo que trouxo máis precariedade e pobreza laboral, “algo que semellan esquecer as organizacións sindicais con representación no comité de Stellantis”.
E lembran que mentres o anuncio de Stellantis se produce cando o seu plan de deslocalización de empresas de compoñentes a países de baixo custe continúa: Benteler anunciou recentemente a apertura doutra planta en Marrocos. “Un país ao que a propia Xunta fomenta as deslocalizacións, tendo en conta que IGAPE conta cunha antena empresarial alá para favorecer a implantación de empresas galegas; ou a propia Oficina Económica de Galiza, que ten como un dos seus cometidos a implantación de empresas fóra de Galiza”.
Neste contexto, para a CIG-Industria ten especial gravidade que a plataforma anunciada se vaia compartir coas plantas de Zaragoza e de Pomigliano, “que parten con vantaxe xa que os Gobernos español e Italiano están a potenciar estas rexións mediante os fondos europeos Next Generation (PERTE VEC)”. De feito, a instalación da planta de baterías en Aragón, cun investimento de 5000 millóns, vai a poñer esta rexión en valor en detrimento da fábrica de Vigo.
Propostas da CIG para o sector
Ante esta situación de emerxencia no sector, a central esíxelle ás administracións públicas que impulsen un plan industrial para Galiza que propicie unha automoción forte e xeradora de emprego, ao tempo que demanda a participación da Xunta directamente, ou a través de empresas mixtas, na constitución de novos proxectos. E un compromiso do Ministerio de Industria e Transición Ecolóxica co sector galego que axude a afrontar o futuro con garantías e que permita frear o proceso de deslocalización.
Tamén reclama a creación dunha Mesa Galega da Automoción integrada polo CEAGA, as centrais sindicais e as tres universidades galegas que impulse un plan galego para a industria da automoción no que se recollan medidas de apoio en I+D+i.
Ao tempo que insiste en que as subvencións e axudas millonarias que se lle dan a Stellantis teñen que ter o compromiso da planta de Vigo de garantir a creación de emprego en todo o tecido industrial, especialmente nas empresas de compoñentes.
Outras das propostas da CIG pasan pola instalación dunha planta de baterías en Galiza, “porque non ter unha planta de fabricación de baterías expulsa o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico”. Polo que demanda tamén unha aposta pola fabricación dos novos compoñentes do automóbil eléctrico.
Ademais, considera fundamental implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal, “para o que solicitamos que se fagan as modificacións oportunas e se restableza o dereito á xubilación parcial aos 60 anos para todos os colectivos”.
Finalmente, aposta pola creación dunha tarifa eléctrica galega máis competitiva para a industria ao ser Galiza unha rexión produtora e excedentaria.