O arquitecto David Chipperfield, o economista Antón Costas e o físico José Manuel Fernández de Labastida ingresarán este ano na Real Academia Galega de Ciencias

David Chipperfield
David Chipperfield. Foto: Adrián Capelo Cruz

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vai engrosar este ano a súa relación de académicos correspondentes con tres novas incorporacións. Trátase do arquitecto David Chipperfield, do economista Antón Costas e do físico José Manuel Fernández de Labastida.

O arquitecto David Chipperfiel, Premio Pritzker 2023

O recoñecido arquitecto David Chipperfield (Londres, 1953) ingresará na sección de Ciencias Técnicas da RAGC. É unha das figuras máis eminentes e prestixiosas da arquitectura contemporánea. Foi profesor de deseño en diferentes escolas de arquitectura do Reino Unido e profesor convidado en varias universidades europeas e estadounidenses. Desenvolveu o seu labor en edificación e urbanismo, así como en deseño de mobles e interiores.

Entre os seus recoñecementos, recibiu en varias ocasións o premio «RIBA» (Royal Institute for British Arquitects). En 1999 foi galardoado en Alemaña coa Medalla de Ouro Heinrich Tessenow. En 2000 foi un dos arquitectos que representaron a Gran Bretaña na Bienal de Arquitectura de Venecia. En 2002 foi nomeado Comendador da Orde do Imperio Británico. En 2003 foi elixido Membro Honorario da Academia de Arte e Deseño de Florencia. Tamén foi condecorado coa Orde ao Mérito da República Federal de Alemaña. En 2010 recibiu o Wolf Foundation Prize in Arts. En 2023 foi nomeado membro da Orde Pour lle mérite für Wissenschaften und de Alemaña, ingresou na Orden de Isabel la Católica e recibiu o Premio Pritzker de arquitectura.

Entre as súas obras e proxectos máis relevantes, destaca a reforma de varias salas da Royal Academy of Arts de Londres ou a Torre Bryant en Nova York. En Xapón proxectou a sede da corporación Matsumoto en Okayama, o Museo Gotoh de Tokio e a sede de Toyota Auto en Kioto. En Alemaña levou a cabo a reconstrución do Neues Museum de Berlín, deseñou o Plan Xeral de Vivendas de Maselakekanal en Berlín, o Museo de Literatura Moderna ou o edificio de oficinas Kaiserstrasse de Düsseldorf, entre outros. En Corea do Sur realizou a nova sede de Amorepacific en Seúl. En China deseñou o Liangzhu Museum en Hangzhou, o Museo de Historia Natural de Zhejiang e a Biblioteca Zikawey de Shanghái. Entre as obras que proxectou en España, atópase a Ciudad de la Justicia de Barcelona e o Pabellón Copa de América en Valencia.

David Chipperfield ten unha profunda relación con Galicia. Impulsou a Fundación RIA, centrada na planificación territorial estratéxica, conectando os desafíos globais de sustentabilidade co contexto local. Recentemente abriu un estudo de arquitectura en Santiago de Compostela, que xunto cos de Londres, Berlín, Milán e Shanghái forma parte da súa rede de oficinas internacionais. Ademais, ten a súa residencia de verán en Corrubedo.

José M. Fernández de Labastida, xestor no Consello Europeo de Investigación

José M Fernández de Labastida
José M Fernández de Labastida

José Manuel Fernández de Labastida (Madrid, 1958), que ingresará na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da RAGC, é catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago. Na USC foi decano da facultade de Física e director da Escola de Doutoramento. Ten desempeñado distintos cargos de responsabilidade no Ministerio de Ciencia e Innovación: director xeral de Investigación, secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica e director xeral de Investigación e Xestión do Plan Nacional de I+D+i. Tamén foi vicepresidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas -CSIC-. Desde 2021 é xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico do Consello Europeo de Investigación, onde tamén foi durante dez anos xefe do Departamento de Xestión Científica.

Ao longo da súa traxectoria profesional, traballou en Teoría Cuántica de Campos, Teoría de Cordas, Teoría de Nós e Teorías Topolóxicas Cuánticas de Campo, entre outras áreas. Pasou boa parte da súa carreira científica no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton (Estados Unidos) e no CERN (Laboratorio Europeo de Física de Partículas, con sede en Xenebra).
 
No ano 2008 recibiu o premio da Real Sociedad Española de Física -da que tamén foi vicepresidente- polas súas contribucións á Física Teórica a través das súas singulares investigacións, polo seu importante labor de investigación e docencia e polo servizo á comunidade académica e científica.  

O economista Antón Costas preside o Consejo Económico y Social de España

Antón Costas Comesaña
Antón Costas Comesaña

O economista Antón Costas (Vigo, 1949), que ingresará na sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, é na actualidade presidente do Consejo Económico y Social de España, cargo que ocupa desde o ano 2021. Catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, presidiu o Círculo de Economía de Barcelona entre 2013 e 2016.

Graduouse primeiro como enxeñeiro técnico industrial na Universidade de Vigo, para licenciarse posteriormente en Economía na Universidade de Barcelona, onde se doutorou. Na súa tese de doutoramento interesouse polo pensamento e a política económica liberal do século XIX. Foi profesor titular de Política Económica da Universidade de Barcelona e, desde 2005, é catedrático de Política Económica da UB.

Os seus intereses céntranse nos procesos de formación das políticas públicas e, de xeito particular, nos procesos de reforma económica. Entre as súas múltiples publicacións, destacan La crisis de 2008. De la Economía a la Política y más allá (2010) e La torre de la arrogancia. Políticas y mercados después de la tormenta (2011).

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Utilizamos nuestras Cookies y alguna de terceros para poder ofrecerte la mejor experiencia cuando visites Ourense.com. Si lo deseas, puedes informarte en nuestra web sobre cada una de las Cookies que usamos e incluso también eliminar aquellas que no sean esenciales. Para una mejor experiencia con nosotros te ofrecemos la posibilidad de activar o desactivar las cookies no imprescindibles en cualquier momento desde el menú correspondiente. Nuestra Política de Privacidad también está a tu servicio.    Más información
Privacidad