
Xa está todo preparado para que A Banda da Loba (ABDL) presente o seu último disco, Lovismo, nun concerto que terá lugar este sábado 22 de febreiro no Auditorio Municipal. As entradas están dispoñibles na web vivetix.com e tamén se poderán adquirir na billeteira do Auditorio unha hora antes do evento. O concerto comezará ás 20:00 horas, cunha apertura de portas ás 19:30 horas.
Ademais, en Ourense.com tivemos a oportunidade de entrevistar a Andrea Porto, a baxista do grupo, quen nos respondeu a varias cuestións sobre a súa música, o grupo e o seu novo traballo, Lovismo.
‘Lovismo’ é o quinto álbum d’A banda da Loba. Como foi evolucionando a vosa música desde ‘Bailando as rúas’?
Creo que a palabra que pode definir esta evolución é NATURAL. Evidentemente, nós non somos as mesmas que en 2017, nin a nivel profesional, nin musical, nin persoal, mais si que seguimos sendo fieis aos alicerces do proxecto. Dende eles foi cambiando a nosa sonoridade (penso especialmente na produción deste último álbum “Lovismo”) e tamén a nosa maneira de abordar todo o proceso creativo, de gravación, mestura, preparación dos directos. Sería imposible doutro xeito.
Todas as integrantes da banda sodes profesionais doutros eidos. Que vantaxes e inconvenientes ten esta circunstancia?
Por unha banda dispoñemos de menos tempo para traballar na música, o que implica facer grandes esforzos persoais para compatibilizar ambas actividades profesionais con ter “as nosas vidas”, porén, sentímonos, precisamente por isto, totalmente libres á hora de crear, de organizar os nosos tempos, de dicir o que consideramos oportuno enriba dos escenarios e fóra deles. No cómputo global, diría que lle tiramos o máximo proveito a esta situación.
Vivides tamén en diferentes puntos: como é a vosa loxística creativa?
Normalmente vémonos en Codeseda, na Estrada, porque a nivel loxístico e xeográfico é o máis cómodo para todas. Cando estamos preparando temas novos intentamos xuntarnos durante un ou dous días para aproveitar as viaxes ao máximo e o certo é que facemos xornadas intensísimas nas que só paramos para comer. Logo cada unha fai o seu traballo individual de cara á seguinte xuntanza e a verdade é que adoita funcionarnos ben esta organización.
Como boas lobas, gustávos facer manda con outras artistas e este disco ratifícao: De Vacas, Tomé Touriño, Terrae… Como xorden as colaboracións?
Sempre é un luxo rodearnos de amizades e compañeiras de profesión para as gravacións dos discos. Cando estamos compoñendo, arranxando e ensaiando cada tema sempre hai algunha Loba que di “isto molaría moitísimo se o cantase… se puidesen vir gravar…” e logo temos a sorte de que sempre nos din que si!
Levades un ano afastadas dos escenarios. Como está a ser a volta e a acollida deste novo traballo?
Polo momento estamos moi contentas. Tiñamos moitas ganas de poder compartir as novas cancións coa nosa manda e a verdade é que a acollida está sendo moi boa. Ademais, penso que todas ansiabamos o momento de volver estar de novo enriba do escenario porque a enerxía do público é algo único. Nestes primeiros concertos a xente xa canta os temas novos como se os coñecesen de toda a vida e non pode haber unha dose de alegría máis grande.

O voso concerto no Carballiño coincide coa véspera do Día de Rosalía de Castro, una autora presente na vosa música ao igual que outras como Luísa Villalta ou Olga Novo. Que autor/a ou obra aspirades a musicar e aínda está pendente na lista?
Non sabería dicir porque o que tiñamos en mente acaba de materializarse neste novo traballo. Andrea, por exemplo, levaba un par de anos dicindo que quería musicar a Olga Novo e agora cumpríuselle o capricho.
Supoño que co paso dos meses irán xurdindo novas propostas entre as poetas contemporáneas e as clásicas como Rosalía, que nunca deixa de sorprendernos.
Que vai atopar o público que se achegue ata O Carballiño este sábado?
Creo que podemos asegurar que este novo concerto é unha boa cocteleira de emocións. Haberá momentos para cantar e berrar, algún momento para emocionarse, outros para dislocarse a cadeira bailando bachata e outros, cara o final, para saltar ao ritmo da música. Ollo porque é posible que haxa algunha sorpresiña neste senso.
Ademais, xusto neste concerto do Carballiño imos contar con dúas colaboracións que nos fan moita ilusión: unha é Noemí Duro, que xa cantara con nós no Ouren Sound Fest, e a outra é Fabiana Taboada, que baila (espectacular) nun dos nosos últimos videoclips, “Lova”, gravado no Mosteiro de Carboeiro. Se alguén non o viu que abra rapidamente a nosa canle de Youtube, pero sobre todo, que veña este sábado para vela bailar en directo. Poremos toda a nosa enerxía para que as persoas que se acheguen ao concerto volvan para casa cheíñas de “lovismo”.