A provincia de Ourense será, co apoio da Deputación, a protagonista da terceira etapa da proba ciclista O Gran Camiño, cun trazado contra o reloxo, que se disputará o 28 de febreiro. A Ponte Romana da cidade de Ourense acolleu hoxe a presentación desta etapa, nun acto no que o presidente provincial, Luis Menor, destacou a competición como «unha gran aliada para a provincia, ao pensar no deporte e na promoción do territorio».
O presidente provincial animou á cidadanía e aos visitantes a desfrutar da proba ciclista, un «espectáculo» co que observar a deportistas profesionais, nacionais e internacionais e que, ademais, nesta edición, «chegará potencialmente a máis poboación».
Menor sinalou O Gran Camiño como «a gran oportunidade» para divulgar a provincia de Ourense, onde as competicións de primeiro nivel teñen «cabida e éxito asegurado» a través «dun marco idóneo».
A Deputación de Ourense seguirá impulsando o deporte como unha actividade de primeiro nivel, dixo Menor, pola implicación que ten en moitos aspectos, como é o caso dos hábitos saudables, o fomento de valores entre os máis novos, a competición e a oportunidade de promoción do territorio.
Na presentación, Luis Menor estivo acompañado polo director deste evento deportivo, Ezequiel Mosquera; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira e o ex ciclista profesional Óscar Pereiro.
O Gran Camiño, unha proba ciclista de carácter profesional que recupera a esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia, transcende o seu obxectivo do fomento do deporte, para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio.
A cuarta edición da proba celébrase do 26 de febreiro ao 2 de marzo, con diferentes trazados ao longo da comunidade autónoma e coa novidade de incluír Portugal no inicio da carreira.
No caso de Ourense, o protagonismo será na terceira etapa. O venres 28 de febreiro será a data na que O Gran Camiño dispute unha proba contra o reloxo de 15 quilómetros, con saída da Ponte Romana de Ourense e chegada a Pereiro de Aguiar.
Catro edicións colocando a Ourense no mapa
A provincia de Ourense xa tivo especial protagonismo nas tres anteriores edicións de O Gran Camiño. No 2022, a etapa ourensá transitou desde Maceda, vila vencellada ao ciclismo, ata Luíntra, en plena Ribeira Sacra.
Na segunda edición, a proba tivo un marcado carácter solidario ao seu paso pola provincia de Ourense cun percorrido que unía Esgos con Rubiá, homenaxeando a Valdeorras que viña de sufrir as devastadoras consecuencias dos incendios forestais.
E, por último, o ano pasado foron case unha vintena de concellos ourensás os que acolleron a proba, con inicio en Ribadavia e remate en Xinzo de Limia.